A nosa obra de tradución en México e América Central
Hai uns douscentos noventa tradutores vivindo en México e noutros cinco diferentes países de América Central. Traducen publicacións baseadas na Biblia a máis de sesenta linguas. Por que paga a pena este esforzo? Porque cando as persoas len estas publicacións no seu idioma, é máis probable que lles chegue ó corazón a mensaxe da Biblia (1a Corintios 14:9).
A fin de mellorar a calidade da tradución, algúns tradutores que realizaban o seu traballo na sede das Testemuñas de Xehová de México foron trasladados ás zonas nas que se fala o idioma ó que traducen. Grazas a esta medida, os tradutores están máis en contacto cos falantes das linguas ás que traducen, e isto lles axuda a conseguir que as publicacións sexan fáciles de entender.
Que opinan os tradutores deste cambio? Federico, que traduce ó náhuatl de Guerrero, comenta: “Nos case dez anos que botei en Cidade de México só atopei unha familia que falase a miña lingua. En cambio aquí, nas vilas próximas ó centro de tradución, practicamente todos a falan!”.
Karin, que traduce ó baixo alemán desde unha oficina situada no estado mexicano de Chihuahua, explica: “Estar na zona na que viven os menonitas axúdame a manterme ó día con respecto á evolución do seu idioma. Vivimos e traballamos nunha vila pequena, e cando miro pola ventá podo ver as persoas que se beneficiarán das publicacións que traducimos aquí”.
Neyfi, unha tradutora que agora vive en Mérida (México), di: “Cando damos clases da Biblia en maya, fixámonos en cales son as expresións que lles resultan máis difíciles de entender ós falantes desta lingua. Entón, buscamos outras maneiras de traducilas que soen máis naturais”.
Como se benefician desta labor de tradución algunhas persoas? Vexamos un exemplo. Elena levaba uns corenta anos asistindo ás reunións das testemuñas de Xehová en español, pero como a súa lingua materna é o tlapaneco, non entendía o que alí se dicía. Ela conta: “Só sabía que tiña que estar presente”. Ora ben, tras aprender as ensinanzas da Biblia coa axuda de publicacións en tlapaneco, o seu amor por Deus medrou ata o punto de que se bautizou no ano 2013. Elena di: “Doulle as grazas a Xehová por permitirme entender a Biblia”.