Ir ó contido

Non se rendeu malia a traxedia

Non se rendeu malia a traxedia

 Virginia, que é testemuña de Xehová, sofre unha enfermidade chamada síndrome de enclaustramento. O seu corpo está paralizado. Pode ver e escoitar, abrir e pechar os ollos, e mover un chisquiño a cabeza; pero non pode falar nin comer. Houbo un tempo no que ela tiña boa saúde e moita enerxía. Pero unha mañá de 1997 sentiu unha dor punzante e continua na parte traseira da cabeza. O seu home levouna ó hospital e esa mesma noite entrou en coma. Espertou dúas semanas despois nunha unidade de coidados intensivos, paralizada e conectada a un respirador. Durante uns días non puido lembrar nada, nin tan só quen era ela.

 Virginia explica que ocorreu despois: “Pouco a pouco os recordos volveron. Oráballe a Deus con fervor. Non quería morrer e deixar orfo o meu neno. Para encherme de valor, intentaba lembrar tantos versículos da Biblia como podía”.

 “Co tempo, os médicos sacáronme da unidade de coidados intensivos. Logo de estar seis meses en diferentes hospitais e nun centro de rehabilitación, volvín á casa. Aínda estaba totalmente paralizada e necesitaba axuda para todo. Estaba moi desanimada. Preocupábame moito como ía coidar do meu fillo. Sentíame inútil. Sentía que non podía facer nada por outros, nin por Xehová”.

 “Comecei a ler experiencias de irmáns que, coma min, tamén tiñan enfermidades graves. Quedei impresionada do que eran capaces de facer por Xehová. Iso axudoume a intentar manter unha actitude positiva e centrarme no que si podía facer. Antes de estar enferma dispoñía do tempo contado para predicar, orar e estudar a Biblia. Pero agora tiña todo o día, tódolos días. No canto de perder a esperanza, centreime na miña relación con Xehová”.

 “Aprendín a usar un ordenador. Era quen de escribir usando os movementos da cabeza. É moi canso, pero a tecnoloxía axúdame a estudar a Biblia e a compartir a miña esperanza con outros grazas ás cartas e os correos electrónicos. Para comunicarme cos meus teño un encerado co alfabeto. A persoa que está comigo vai sinalando as letras unha por unha. Se a letra que sinala non é correcta abro moito os ollos, mentres que se é a que eu quero entón péchoos. Imos repetindo todo este proceso para formar as palabras e logo as frases. Algunhas irmás que pasan moito tempo comigo convertéronse en expertas adiviñando o que quero dicir. Aínda botamos unhas risas cando se equivocan de palabra”.

Comunicándome grazas a un encerado que ten un alfabeto

 “Desfruto de participar nas actividades da congregación. Grazas ás videoconferencias podo asistir a tódalas reunións. Incluso son quen de escribir os meus comentarios para que outros os lean nas intervencións por preguntas e respostas. Tamén adoito facer plans cun grupiño de irmáns para ver o programa mensual de JW Broadcasting”. a

 “Teño síndrome de enclaustramento dende hai 23 anos. Ás veces síntome triste, pero son capaz de superar eses momentos orando, estando xunta os irmáns e manténdome ocupada servindo a Xehová. De feito, coa axuda da congregación puiden servir de pioneira auxiliar durante seis anos. Sempre tentei poñerlle un bo exemplo ó meu fillo, Alessandro. El agora está casado e serve como ancián de congregación e, xunto coa súa muller, tamén como pioneiro regular”.

 “A miúdo medito nas cousas que poderei facer cando a Terra sexa un Paraíso. O primeiriño que desexo facer é falar de Xehová coa miña propia voz. Quero pasear polo campo á beira do río e desfrutar das paisaxes. E non vexo o momento de coller unha mazá dunha árbore e botarlle o dente, xa que levo dúas décadas alimentándome con líquidos a través dun tubiño. Por suposto, como boa italiana, téñoche moitas ganas de preparar e comer as comidas italianas que máis me gustan, coma a pizza”.

 “A ‘esperanza da salvación’ axudoume a protexer a mente (1 Tesalonicenses 5:8). Verme no novo mundo éncheme de ledicia malia as miñas limitacións físicas, que ben sei que pronto han desaparecer. Estou devecendo por desfrutar da ‘verdadeira vida’ que Xehová nos prometeu dar, grazas ó seu Reino” (1 Timoteo 6:19; Mateo 6:9, 10).

a En jw.org poderás atopar unha ligazón a JW Broadcasting.