Ir ó contido

PREGUNTAS DA XUVENTUDE

Que di de min a miña roupa?

Que di de min a miña roupa?

 Por que debería importarche a roupa que levas? Porque o que levamos posto di moito de nós. Que di de ti a túa roupa?

 Tres grandes erros sobre a moda e como evitalos

Erro 1: Deixar que a publicidade che diga como vestir.

 Unha rapaza chamada Theresa di: “Ás veces ves tantos anuncios sobre algo, que che acaba gustando. Cando te bombardean con imaxes de persoas levando certo estilo de roupa, é moi fácil que acabes imitando a súa forma de vestir”.

 Pero as rapazas non son as únicas ás que lles afecta a publicidade. O libro The Everything Guide to Raising Adolescent Boys explica: “Os rapaces tamén se deixan levar polas modas. A publicidade trata de influír neles dende que son moi novos”.

 Unha opción mellor: A Biblia di: “O inxenuo dá creto ó que sexa, o asisado calcula os seus pasos” (Proverbios 14:15). De acordo con este principio, aprende a recoñecer que é o que che intenta transmitir a publicidade. Por exemplo, ó ver un anuncio de roupa provocativa, atrevida ou sexy, pregúntate:

  •  “En realidade, quen se vai beneficiar de que eu siga esa moda?”

  •  “Que diría esa clase de roupa sobre o meu estilo de vida?”

  •  “Define ese estilo quen son eu e as miñas crenzas?”

 Consello: Durante unha semana, fíxate ben nos anuncios de roupa que aparecen nos diferentes medios. Que estilo de vida promoven? Intentan convencerte de forma sutil de que necesitas seguir certa moda? Unha rapaza chamada Karen di: “A presión de parecer perfecta, vestir a roupa perfecta e ter un corpo perfecto é moi grande. Os que fan os anuncios saben que a xente nova é unha presa fácil”.

Erro 2: Ir á moda só por encaixar.

 Un rapaz chamado Manuel di: “Cando certo estilo de roupa está de moda, todo o mundo o leva. E, se ti non o levas, critícante”. Unha rapaza chamada Anna pensa moi parecido. Ela di: “O que importa non só é estar á moda, senón que te acepte o teu grupo de amigos”.

 Unha opción mellor: A Biblia di: “Non vos axustedes ó mundo presente” (Romanos 12:2). De acordo con este consello, bótalle unha ollada ó que tes no armario e pregúntate:

  •  “Que teño en conta cando escollo a miña roupa?”

  •  “É moi importante para min levar roupa de marca?”

  •  “Trato de impresionar a outros coa miña forma de vestir?”

 Consello: En vez de ver só dúas opcións —ir á moda e ser aceptado ou non ir á moda e ser rechazado— pensa nunha terceira: unha maneira de vestir que te faga sentir ben e che dea confianza. Canto máis a gusto te sintas contigo mesmo, menos che preocupará o que pensen de ti os demais.

Erro 3: Pensar que canto máis sexy vaias, mellor.

 Unha rapaza chamada Jennifer admite: “Sinceramente, ás veces danme ganas de vestir de forma máis atrevida, como por exemplo, levando roupa máis curta, axustada ou provocativa”.

 Unha opción mellor: A Biblia di: “Que os vosos adornos non sexan os exteriores [...]; senón que sexa a personalidade escondida dentro, no corazón” (1 Pedro 3:3, 4). De acordo con este consello, que pensas que é mellor? Atraer os demais pola túa forma de vestir ou pola túa forma de ser?

 Consello: O mellor adorno é a modestia. É certo que esta palabra non está moi de moda hoxe en día. Pero, pensa no seguinte:

 Conversaches algunha vez con alguén que non para de falar sobre si mesmo? O máis triste é que probablemente esa persoa non se dea nin conta de que está facendo que os demais non queiran estar con ela.

A roupa é como as conversas, cando chama moito a atención sobre ti mesmo afasta os demais.

 Cando te vistes de maneira provocativa podes causar a mesma reacción. É coma se a túa roupa dixese: “Mírame”. Ademais, pode facer que os demais pensen que es inseguro ou egocéntrico, ou as dúas cousas á vez. Ata pode parecer que estás desesperado por chamar a atención e atraias a persoas que non che conveñen.

 En vez de dar a entender algo que non es, trata de ser modesto. Unha rapaza chamada Monica di: “Vestir de forma modesta non quere dicir que te teñas que vestir como a túa avoa. Máis ben significa que te respectas a ti mesma e os que te rodean”.