A que se refería Xesús cando dixo “amade os vosos inimigos”?
O que di a Biblia
No seu famoso Sermón do Monte Xesús dixo: “Amade os vosos inimigos” (Mateo 5:44; Lucas 6:27, 35). Con estas palabras quixo dicir que debemos demostrarlles amor ós que nos odian ou nos tratan inxustamente.
Xesús demostroulles amor ós seus inimigos perdoándoos cando o maltrataron (Lucas 23:33, 34). As súas ensinanzas sobre amar os inimigos están de acordo coas Escrituras Hebreas, tamén coñecidas como o Antigo Testamento (Éxodo 23:4, 5; Proverbios 24:17; 25:21).
“Amade os vosos inimigos, e pregade polos que vos perseguen” (Mateo 5:43, 44).
Neste artigo veremos o seguinte:
Por que amar os teus inimigos?
Deus dános o exemplo: “El é bo cos malos e desagradecidos” (Lucas 6:35). Deus tamén “fai saí-lo seu sol sobre malos” (Mateo 5:45).
O amor pode facer que un inimigo cambie. A Biblia aconséllanos que tratemos con amabilidade os nosos inimigos porque así lles poremos “carbóns ardentes na cabeza” (Proverbios 25:22). Esta metáfora fai referencia ó proceso de quentar un mineral para extraer un metal precioso. De xeito figurativo, se somos amables cos que nos odian, pode que derretamos o seu enfado e saquemos o mellor deles.
De que formas podes amar os teus inimigos?
“Facédelles ben ós que vos odian” (Lucas 6:27). A Biblia di: “Se o teu inimigo ten fame, dálle de comer; se ten sede, dálle de beber” (Romanos 12:20). Podes atopar outras formas de demostrarlles amor ós teus inimigos poñendo en práctica o que se coñece como a Regra de Ouro, que di: “Tratade á xente tal como queredes que vos traten a vós” (Lucas 6:31).
“Bendicide ós que vos maldín” (Lucas 6:28). Bendicimos os nosos inimigos cando lles falamos con respecto e amabilidade aínda que eles non nos traten desta forma. A Biblia di: “non vos volvades [...] insulto por insulto; ó contrario, devolvede bendicións” (1 Pedro 3:9). Este consello pode axudarnos a romper o ciclo do odio.
“Rogade polos que vos calumnian” (Lucas 6:28). Se unha persoa te insulta, non devolvas “mal por mal” (Romanos 12:17). Ó contrario, pídelle a Deus que che axude a perdoala (Lucas 23:34; Feitos 7:59, 60). En vez de buscar vinganza, deixa que Deus se ocupe do asunto segundo as súas normas perfectas de xustiza (Levítico 19:18; Romanos 12:19).
“Amade os vosos inimigos, facédelles ben ós que vos odian, bendicide ós que vos maldín e rogade polos que vos calumnian” (Lucas 6:27, 28).
Sé “paciente e bondadoso” (1 Corintios 13:4, TNM). Na famosa descrición do amor que fixo o apóstolo Paulo, utilizou a mesma palabra grega (a·gaʹpe) que tamén atopamos nas palabras de Mateo 5:44 e Lucas 6:27, 35. Demostramos esa clase de amor cristián cando somos pacientes e bondadosos cos nosos inimigos, e non somos celosos, arrogantes nin maleducados con eles.
“O amor é paciente e bondadoso. O amor non é celoso. Non presume, non é arrogante, non é malcriado, non busca a súa comenencia, non se alporiza, non garda malicia; non simpatiza coa inxustiza, senón que se alegra coa verdade. Desculpa sempre, fíase sempre, espera sempre, atura sempre. O amor non pasa endexamais” (1 Corintios 13:4, TNM; 13:5-8).
Deberías loitar nunha guerra contra os teus inimigos?
Non. Xesús ensinoulles ós seus seguidores que non debían pelexar contra os seus inimigos. Por exemplo, cando lles dixo que Xerusalén sería atacada, non lles manou que quedasen alí para loitar. Máis ben díxolles que fuxisen (Lucas 21:20, 21). Xesús tamén lle dixo ó apóstolo Pedro: “Volve a espada ó seu sitio, pois tódolos que levan espada pola espada perecerán” (Mateo 26:52). Tanto a Biblia como a historia revelan que os discípulos de Xesús do primeiro século non ían loitar nas guerras contra os seus inimigos a (2 Timoteo 2:24, TNM).
Ideas equivocadas sobre amar os inimigos
Idea equivocada: A Lei de Deus mandáballes ós israelitas que odiasen os seus inimigos.
Realidade: Na Lei non existía ese mandato. Máis ben, a Lei mandáballes ós israelitas que amasen o seu próximo (Levítico 19:18). Aínda que o termo próximo refírese a “calquera outra persoa”, algúns xudeus limitaron o seu significado para referirse tan só a outros xudeus. Por iso, pensaban que debían odiar os que non eran xudeus, porque eran os seus inimigos (Mateo 5:43, 44). Xesús corrixiu ese punto de vista equivocado cando contou a parábola do bo samaritano (Lucas 10:29-37).
Idea equivocada: Amar os inimigos en realidade significa estar de acordo coa súa mala conduta.
Realidade: A Biblia mostra que podes amar unha persoa aínda que non esteas de acordo coa súa mala conduta. Por exemplo, Xesús condenou a violencia pero orou polas persoas que o mataron (Lucas 23:34). E aínda que odiaba o pecado, deu a súa vida polos pecadores (Xoán 3:16; Romanos 6:23).
a No seu libro The Rise of Christianity, E. W. Barnes dixo: “Unha revisión coidadosa de toda a información da que dispoñemos, demostra que ata o tempo de Marco Aurelio [emperador de Roma do ano 161 ó 180 n. e.], ningún cristián se fixo soldado, e ningún soldado, despois de chegar a ser cristián, permaneceu no exército”.