É o Reino de Deus algo que temos no corazón?
O que di a Biblia
Non, o Reino de Deus non é simplemente algo que estea no corazón dos cristiáns. a A Biblia indica onde está ese goberno ó chamarlle “o Reino dos Ceos” (Mateo 4:17). Vexamos como demostra a Biblia que é un goberno real e que xa está gobernando dende os ceos.
O Reino de Deus ten gobernantes, súbditos, leis e autoridade para establecer a vontade de Deus no ceo e na Terra (Mateo 6:10; Apocalipse 5:10).
O Reino de Deus gobernará sobre “tódolos pobos, nacións e linguas” da Terra (Daniel 7:13, 14). Non é un goberno escollido pola xente, foi Deus quen lle deu autoridade para gobernar sobre a humanidade (Salmo 2:4-6; Isaías 9:6 [9:7, TNM]).
Xesús díxolles ós seus apóstolos fieis que gobernarían con el no Reino dos ceos e que sentarían en tronos (Lucas 22:28, 30).
O Reino de Deus ten inimigos, ós que vai destruír (Salmo 2:1, 2, 8, 9; 110:1, 2; 1 Corintios 15:25, 26).
Polo tanto, a Biblia non ensina que o Reino de Deus goberne a través dos nosos corazóns. O que si ensina é que a “Palabra do Reino”, ou a “Boa Nova do Reino”, pode e debe influír no noso corazón (Mateo 13:19; 24:14).
A que se refire a Biblia cando di que o Reino de Deus “está en vos mesmos”?
Algunhas traducións da Biblia traducen Lucas 17:21 coas palabras: “O Reiño de Deus mais ben está en vos mesmos” (O Novo Testamento, Avelino Gómez Ledo). Por iso algunhas persoas pensan que ese Reino é algo que temos no corazón. Pero, para entender ben este versículo temos que analizar o contexto.
Xesús estaba a falarlles ós fariseos, un grupo de líderes relixiosos que se opoñían a el e mesmo planeaban matalo (Mateo 12:14; Lucas 17:20). Pensas que ten sentido dicir que aqueles homes crueis tiñan o Reino de Deus no seu corazón? Non, de feito Xesús díxolles: “Por dentro estades cheos de hipocresía e inxustiza” (Mateo 23:27, 28).
Outras traducións aclaran o significado das palabras de Xesús rexistradas en Lucas 17:21. Por exemplo, A Biblia, SEPT di: “O Reino de Deus xa está entre vós” (cursivas nosas). O Reino dos ceos estaba “entre” os fariseos no sentido de que Xesús, que era o rei escollido polo seu Pai para gobernar ese Reino, estaba alí entre eles (Lucas 1:32, 33).
a Moitas relixións que din ser cristiás ensinan que o Reino de Deus está dentro das persoas ou no seu corazón. Por exemplo, a Convención de Bautistas do Sur, unha confesión protestante dos Estados Unidos, declara que o Reino de Deus é en parte “o reinado de Deus no corazón e na vida da persoa”. E no seu libro Jesús de Nazaret, o papa Benedicto XVI dixo: “O Reino de Deus chega a través do corazón que escoita. Ese é o seu camiño”.