Cal é a orixe do Halloween?
O que di a Biblia
A Biblia non fala do Halloween, unha festa que moitos celebran o 31 de outubro de cada ano. Aínda así, as orixes e as tradicións antigas do Halloween van en contra do que ensina a Biblia.
Neste artigo veremos o seguinte:
A orixe e a tradición do Halloween
Samaín: Esta festa leva celebrándose máis de 2.000 anos. Segundo o libro Mitos Celtas, críase que durante esta festa pagá “os espíritos do Máis Alá podían percorrer a terra e os humanos podían visitar o mundo dos mortos”. E engade: “A tradición do Samaín sobreviviu nos tempos modernos nas festas de Hallow’een e do Día de Defuntos”. a Mira o recadro “ Por que se chama Halloween?”.
Disfraces, caramelos e travesuras do Halloween: De acordo cunha obra, “os pobos celtas [...] disfrazábanse de monstros para pasar desapercibidos ante os seres malignos” que deambulaban pola Terra. Tamén lles ofrecían lambetadas ós espíritos para tranquilizalos. b
Na Europa medieval, o clero católico comezou a adoptar algúns costumes locais pagáns e fixo que os membros da súa igrexa fosen de casa en casa disfrazados e pedindo pequenos regalos.
Fantasmas, vampiros, homes lobo, bruxas e zombis: Dende hai moito tempo estas criaturas asociáronse co malvado mundo dos espíritos. Referíndose a elas como “monstros sobrenaturais”, o libro Halloween Trivia afirma que “están moi relacionadas coa morte, os mortos e o medo a morrer”.
Cabazas de Halloween con luz: En Gran Bretaña, durante a Idade Media, a xente “ía de casa en casa pedindo comida a cambio dunha oración polos defuntos” e levaban “lanternas que estaban feitas de nabos ocos cunha candea dentro. Iso representaba unha alma atrapada no purgatorio” (Halloween: From Pagan Ritual to Party Night). Algunhas fontes din que as lanternas usábanse para espantar os espíritos malignos. Durante o século XIX, en América do Norte, cambiáronse os nabos por cabazas porque eran moi abundantes e ademais eran máis fáciles de baleirar e de esculpir.
Debería importarche a orixe pagá do Halloween?
Si. Aínda que algunhas persoas ven o Halloween como unha festa inofensiva, as prácticas asociadas con ela van en contra das ensinanzas da Biblia. O Halloween baséase en crenzas falsas sobre a morte e os espíritos invisibles, tamén coñecidos coma demos.
Toma nota dos seguintes versículos que mostran o que pensa Deus sobre as crenzas relacionadas co Halloween:
“Non se atopará en ti [...] quen faga preguntas ó espírito dos mortos e ó que ten o espírito adiviño dos mortos, quen consulte ós mortos” (Deuteronomio 18:10-12).
Significado: Deus non aproba os esforzos por contactar cos mortos nin por aparentar que estamos intentando comunicarnos con aqueles que morreron.
“Os mortos non saben xa máis nada” (Eclesiastés 9:5).
Significado: Coma os mortos están inconscientes, non poden comunicarse cos vivos.
“Non quero que entredes en comuñón cos demos. Non podedes bebe-la copa do Señor e a copa dos demos” (1 Corintios 10:20, 21).
Significado: Aqueles que buscan a aprobación de Deus deben evitar calquera conexión cos demos.
“Para que poidades resisti-las estrataxemas do demo. Porque non é a nosa loita contra homes de carne e óso senón [...] contra os espíritos do mal” (Efesios 6:11, 12).
Significado: Os cristiáns deben opoñerse ós espíritos do mal e non actuar como se estivesen de festa con eles.