O que di a Biblia sobre o cambio climático e o noso futuro
“O cambio climático é unha catástrofe. Pronto a Terra será inhabitable” (The Guardian).
A humanidade afronta un problema que ela mesma provocou. A maioría dos científicos están de acordo en que a actividade do home é a culpable do quentamento global. O aumento da temperatura xa cambiou o clima e trouxo terribles consecuencias, entre elas:
Fenómenos naturais máis frecuentes e intensos como vagas de calor, secas e tormentas, que provocan inundacións e incendios.
Desxeo dos glaciares e do Ártico.
Aumento do nivel do mar.
A crise climática afectoulle a toda a Terra. Despois de describir as condicións en 193 países, unha reportaxe do New York Times dixo: “O planeta está enviando un sinal de auxilio”. Por culpa dos danos e as mortes que provocou o cambio climático, a Organización Mundial da Saúde dixo que este problema “é a maior ameaza para a saúde que afronta a humanidade”.
Non obstante, temos razóns para esperar un futuro mellor. A Biblia predixo os acontecementos que vemos hoxe, por que podemos estar seguros de que Deus protexerá o noso futuro e como o fará.
Predixo a Biblia o cambio climático?
Si. A crise climática que trouxo o quentamento global, encaixa cos sucesos que a Biblia dixo que ocorrerían nos nosos días.
Profecía: Deus vai “esnaquiza-los que destrúen o mundo” (Apocalipse 11:18).
A Biblia predixo un tempo no que a humanidade case levaría a Terra á ruína. Como causa do quentamento global provocado polo home, o planeta está peor que nunca.
Esta profecía dános unha razón pola que non podemos esperar que a humanidade salve o planeta, xa que Deus vai intervir mentres as persoas “destrúen o mundo”. Calquera esforzo que as persoas fagan por loitar contra o cambio climático, non será suficiente para evitar que a humanidade arruíne a Terra.
Profecía: haberá “cousas espantosas” (Lucas 21:11).
A Biblia predixo que nos nosos días ocorrerían “cousas espantosas” ou sucesos terribles. O cambio climático provocou catástrofes naturais por todo o mundo. Vendo isto, algunhas persoas chegan a ter medo crónico a sufrir as consecuencias dun desastre ambiental.
Profecía: “Nos días derradeiros haberá intres difíciles. A xente volverase egoísta, avariciosa, [...] impía, [...] falsa, [...] traicioneira, temeraria” (2 Timoteo 3:1-4).
A Biblia predixo o comportamento e a forma de ser da xente dos nosos días. Este comportamento foi o que provocou a crise climática. Os gobernos e as empresas pensan máis nos cartos que en como será a vida para as persoas nun futuro. Mesmo cando intentan traballar xuntos, non se poñen de acordo no que teñen que facer para deter o quentamento global.
Esta profecía indica que non podemos esperar que a xente cambie as súas accións e protexan a Terra. Máis ben, a Biblia di que estas persoas egoístas “irán de mal en peor” (2 Timoteo 3:13).
Por que podemos estar seguros de que Deus intervirá
A Biblia revela que Xehová a, o noso Creador, preocúpase moito polo noso planeta e por aqueles que o habitan. Vexamos tres versículos da Biblia que indican que Deus intervirá.
1. Deus “non a creou [a Terra] coma un caos, formouna para ser habitada” (Isaías 45:18).
Deus cumprirá o seu propósito para a Terra (Isaías 55:11). Non permitirá que sexa destruída ou que chegue a ser inhabitable.
2. “Os humildes, en cambio, herdan a terra e gozan de paz perfecta. Os xustos herdarán a terra e habitarán nela para sempre” (Salmo 37:11, 29).
Deus promete que os humanos vivirán en paz para sempre na Terra.
3. “Mais os malvados serán desbotados da terra” (Proverbios 2:22).
Deus promete eliminar os que seguen facendo cousas malas, incluíndo os que arruínan a Terra.
O que fará Deus polo noso futuro
Como cumprirá Deus as súas promesas para a Terra? Usará un goberno mundial, o Reino de Deus (Mateo 6:10). Este Reino gobernará dende o ceo. Non terá que negociar cos gobernos humanos sobre asuntos relacionados coa Terra ou co medio ambiente. Será así xa que o Reino de Deus vainos substituír (Daniel 2:44).
O Reino de Deus fará cousas boas pola a humanidade e a natureza (Salmo 96:10-13). Vexamos o que Xehová fará mediante o seu Reino.
Restaurar o medio ambiente
O que di a Biblia: “¡Que se alegren o deserto e maila terra reseca, que brinque de ledicia a estepa e que floreza!” (Isaías 35:1).
O que significa para o noso futuro: Xehová vai reparar o planeta, incluso lugares que foron gravemente danados polos humanos.
Controlar o clima extremo
O que di a Biblia: “[Xehová] troca a tempestade en brisa lene [ou suave], e quedan caladas as ondas” (Salmo 107:29).
O que significa para o noso futuro: Xehová ten o poder para controlar os elementos. Por iso, as persoas non sufrirán máis por culpa do clima extremo.
Ensinar os humanos a coidar ben do planeta
O que di a Biblia: “Eu instruireite e ensinareiche o camiño que has de seguir” (Salmo 32:8).
O que significa para o noso futuro: Xehová deulles ós humanos a responsabilidade de coidar do planeta (Xénese 1:28; 2:15). El ensinaranos a mellor forma de cumprir con este traballo e así coidar da súa creación.
a Segundo a Biblia, Xehová é o nome de Deus. Este nome tamén pode traducirse como Iavé (Isaías 45:8). Para máis información podes ver o artigo “Quen é Xehová?”.