COMO SE USAN AS TÚAS DOAZÓNS
O congreso rexional transmítese por radio e televisión
1 DE AGOSTO DE 2021
O Congreso Rexional de 2020 foi histórico. Por primeira vez gravouse o mesmo programa para todo o mundo e fíxose dispoñible en Internet! Non obstante, en Malaui e Mozambique, a maioría dos nosos irmáns puideron ter o programa sen usar Internet. Como foi isto posible?
O Comité de Coordinadores e o Comité de Ensino do Consello Reitor aprobaron como excepción que se transmitira o congreso por televisión e radio en Malaui e Mozambique. Por que foi isto necesario? Malaui ten algunhas das tarifas de datos de Internet máis caras do mundo, por iso poucas testemuñas de Xehová poden ter acceso a Internet. William Chumbi, un membro do Comité de Sucursal de Malaui, explicou: “A radio e a televisión eran os únicos medios que nos permitían facerlles chegar o alimento espiritual ós irmáns”. Luka Sibeko, outro membro do Comité de Sucursal de Malaui, dixo: “Se non fora pola televisión ou a radio, só uns poucos irmáns da zona poderían beneficiarse do congreso”. En Mozambique pasa algo parecido. Poucos irmáns poderían ter un dispositivo electrónico e moito menos ter acceso a Internet.
Facendo os axustes necesarios
Por culpa da pandemia da COVID-19, algunhas estacións de radio e canles de televisión, xa estaban transmitindo as reunións de congregación a. Os nosos irmáns contactaron con estas estacións e pedíronlles máis tempo de emisión para poder retransmitir o congreso rexional.
En Malaui os nosos irmáns atopáronse cun problema. Normalmente as emisoras limítanlle ós seus clientes o tempo de emisión a unha hora porque teñen medo de que a audiencia se aburra con programas máis longos. Por iso explicóuselles que o noso labor axuda ós veciños. Por exemplo, aínda estando confinados, seguimos falándolles ás persoas das boas noticias da Biblia. Isto axúdalle á xente a ser bos cidadáns e a ter unha familia feliz. Ó escoitar a explicación, as emisoras aceptaron darlles máis tempo de emisión.
En Malaui o congreso rexional foi retransmitido por unha emisora de televisión e outra de radio, ámbalas dúas coa capacidade de chegar a millóns de persoas por todo o país. En Mozambique o congreso rexional foi retransmitido por unha emisora de televisión e 85 emisoras de radio.
Nestes países gastouse un total de 28.227 dólares b para retransmitir o congreso rexional por televisión e case 20.000 dólares para retransmitilo por radio. Neste último caso, o custo de emisión variaba entre 15 e 2.777 dólares segundo o alcance da estación.
Os nosos irmáns esforzáronse moito por usar do mellor xeito posible as doazóns. Por exemplo, en Malaui conseguiron negociar prezos máis baixos incluíndo descontos de ata o 30 por cento, deste xeito aforráronse un total de 1.711 dólares. As testemuñas de Xehová teñen a reputación de ser honestos e puntuais nos seus pagos, por iso, en Mozambique algunhas emisoras decidiron baixar os seus prezos.
Os irmáns dan as grazas
Os nosos irmáns agradeceron moito poder ver ou escoitar o congreso rexional a través das emisoras locais. Patrick, un ancián de Malaui di: “Agradecémoslle moito ós irmáns do Consello Reitor todo o que fixeron por nós durante a pandemia”. Isaac, tamén de Malaui, di: “Dámoslle as grazas á organización de Xehová por retransmitir o congreso rexional por radio xa que non tiñamos outra maneira de escoitalo. Grazas a isto, toda a miña familia se puido beneficiar do congreso, sen dúbida é unha proba do amor de Xehová polo seu pobo”.
O Congreso Rexional de 2020 foi o primeiro para un publicador de Mozambique, el di: “Poder ver o congreso rexional na televisión recordoume que Xehová é o Deus Todopoderoso. Aínda estando na casa, a pandemia non lle impediu a Xehová darnos o alimento espiritual. Vin ben clariño o amor que se demostran os irmáns. Estou convencido de que esta é a relixión verdadeira”.
Un ancián chamado Wyson di: “Gustaríame darlle as grazas ó criado fiel por como nos coidou durante a pandemia. Vivimos nunha das partes máis pobres do mundo, e non temos moitos cartos, pero grazas a ter o congreso rexional por radio e televisión puidemos desfrutalo e sacarlle moito proveito”.
De novo, o Comité de Coordinadores e o Comité de Ensino fixeron unha excepción para poder retransmitir o Congreso Rexional por televisión e radio nalgúns lugares. De onde viñeron os cartos para poder retransmitir o congreso rexional desta maneira? Das doazóns para a obra mundial que se fan a través dos diferentes métodos que atopamos en donate.isa4310.com. Graciñas polas túas xenerosas doazóns.
a A comezos de 2020 o Comité de Coordinadores aprobou retransmitir as reunións de congregación por televisión e radio nalgúns lugares durante a pandemia da COVID-19. Deste xeito puidéronse beneficiar aqueles que non poden conectarse ás reunións de congregación ou velas a través de JW Stream, porque viven en lugares onde a conexión a Internet ou os servizos telefónicos non están dispoñibles ou son moi caros. Con todo, este método non está pensado para lugares onde si é posible conectarse ás reunións de congregación.
b Tódalas cantidades de diñeiro deste artigo son en dólares americanos.