Ir ó contido

UNHA CONVERSA CUNHA TESTEMUÑA DE XEHOVÁ

Cando empezou a gobernar o Reino de Deus? (Parte 2)

Cando empezou a gobernar o Reino de Deus? (Parte 2)

A seguinte é unha conversa típica que unha testemuña de Xehová podería ter cun dos seus veciños. Imaxinemos que Carlos é a testemuña de Xehová e Ramón o veciño a quen visita.

RESUMO DO SOÑO DE NABUCODONOSOR

Carlos: Alégrome de volver a verte, Ramón. Sempre desfruto moito das nosas clases. * Que tal estás?

Ramón: Ben, grazas.

Carlos: Alégrome. Da última vez, falamos de por que as testemuñas de Xehová dicimos que o Reino de Deus empezou a gobernar no ano 1914. * E vimos que o capítulo 4 de Daniel nos dá unha pista clave. Recordas cal era?

Ramón: Si, era o soño do rei Nabucodonosor no que viu unha árbore enorme.

Carlos: Exacto. Esa árbore era tan grande que chegaba ata o ceo. No soño, este rei escoitou como un anxo mandaba cortala, de maneira que só quedaba a raíz e maila cepa. Logo pasou un período de “sete tempos” e a árbore volveu medrar. * Vimos que esta profecía ten dous cumprimentos. Lembras cal foi o primeiro?

Ramón: Pois, foi cando Nabucodonosor toleou da cabeza por sete anos, non?

Carlos: Xusto. E durante eses anos deixou de ser rei. O segundo cumprimento desta profecía foi cando se interrompeu o goberno de Deus sobre a Terra. Ese período comezou cando Xerusalén foi destruída no ano 607 antes da nosa era. Nese ano deixou de haber reis que representasen a Xehová na Terra. Cando rematasen os sete tempos, Deus nomearía un novo rei, pero nesta ocasión para gobernar dende o ceo. Dito doutra maneira, ó final dos sete tempos empezaría a gobernar o goberno celestial de Deus. Entón, xa sabendo cando comezaron os sete tempos, necesitamos descubrir canto duraron e así saberemos cando comezou a gobernar o Reino de Deus. Ata aquí ben?

Ramón: Si, con este repaso parece que vou lembrando o que falamos o outro día.

Carlos: Perfecto. Pois agora imos ver canto duraron os sete tempos. Antes de vir, estiven lendo sobre o tema para non esquecerme de ningún detalle importante. Intentarei explicarcho o mellor posible.

Ramón: Vale.

TERMINAN OS SETE TEMPOS, EMPEZAN OS ÚLTIMOS DÍAS

Carlos: No primeiro cumprimento, o que tivo que ver co rei Nabucodonosor, os sete tempos duraron sete anos literais. Pero no segundo cumprimento, que ten que ver co Reino de Deus, os sete tempos teñen que durar moito máis.

Ramón: E iso por que?

Carlos: Por unha parte, como vimos, porque os sete tempos empezaron cando Xerusalén foi destruída, no ano 607 antes da nosa era. Se contamos sete anos a partir desa data, chegamos ó ano 600 antes da nosa era, e nese ano non pasou nada relacionado co Reino de Deus. E por outra banda, tamén vimos que cando Xesús estivo na Terra, moitos séculos despois, dixo que eses sete tempos aínda non remataran.

Ramón: Ah, si, xa recordo.

Carlos: Así que, neste caso, os sete tempos non poden ser sete anos, senón un período máis longo.

Ramón: E canto duran entón?

Carlos: O libro da Apocalipse, que está moi relacionado co de Daniel, axúdanos con isto. Contén unha profecía que di que tres tempos e medio equivalen a 1260 días. * Tendo isto en conta, sete tempos equivalerían ó dobre, non si? É dicir, a 2520 días. Estás de acordo?

Ramón: Si, ten sentido. Pero aínda non entendo como demostra iso que o Reino de Deus comezou a gobernar en 1914.

Carlos: Imos velo agora. Nalgunhas profecías da Biblia, un día equivale a un ano. * Se aplicamos esta regra ós sete tempos, 2520 días serían 2520 anos. E se contamos 2520 anos dende o 607 antes da nosa era, que foi cando empezaron os sete tempos, chegamos ó ano 1914. Esa é a razón pola que podemos dicir que nese ano terminaron os sete tempos e Xesús foi nomeado Rei do Reino de Deus. Ademais, en 1914 empezaron os sucesos que a Biblia dixera que pasarían nos últimos días.

Ramón: Como cales?

Carlos: Por exemplo, en Mateo 24:7 Xesús profetizou o que pasaría cando empezase a reinar dende o ceo. Dixo: “Erguerase pobo contra pobo, reino contra reino; haberá fame e terremotos en diversos lugares”. Así que Xesús dixo que habería fame e terremotos. Non é iso o que estamos a ver na Terra dende ese ano?

Ramón: Si, é certo.

Carlos: Ademais, Xesús tamén predixo que habería guerras. E no libro da Apocalipse profetizouse que non só serían conflitos locais, senón que afectarían a toda a Terra. * Lembras cando comezou a Primeira Guerra Mundial?

Ramón: Pois no ano 1914. Vaia! Xusto o ano no que dicides que Xesús comezou a gobernar. Pois nunca se me ocorrería relacionalo.

Carlos: Cando xuntamos tódalas pezas, é dicir, a profecía dos sete tempos e as profecías que falan dos últimos días, todo cadra. As testemuñas de Xehová estamos convencidas de que en 1914 Xesús comezou a gobernar e que dende entón estamos vivindo nos últimos días. *

Ramón: Vale, creo que me vai levar un tempo asimilar toda esta información.

Carlos: É normal. A min tamén me custou entendelo a primeira vez que mo explicaron. Pero espero que a nosa conversa che axudase a ver que, aínda que a Biblia non mencione especificamente o ano 1914, as testemuñas de Xehová baseamos as nosas crenzas sobre ese ano nas Sagradas Escrituras.

Ramón: Si, iso sempre me chamou a atención de vós, sempre explicades as cousas usando a Biblia, non vos baseades na vosa opinión persoal. Pero, por que a Biblia é tan difícil de entender? Por que Deus non dixo directamente que Xesús comezaría a gobernar dende o ceo no ano 1914?

Carlos: Boa pregunta. De feito, hai moitas cousas na Biblia que non se explican de forma directa. Por que a faría Deus dun xeito que teñamos que esforzarnos por entendela? Igual podemos falar diso o próximo día. Que che parece?

Ramón: Vale, moi ben.

Hai algún tema da Biblia que che gustaría entender mellor? Queres saber máis sobre o que cren as testemuñas de Xehová? Se é así, non dubides en falar con elas. Estarán encantadas de responder as túas preguntas.

^ As testemuñas de Xehová ofrecen cursos gratuítos nos que se analiza a Biblia por temas.

^ Mira o artigo “Unha conversa cunha testemuña de Xehová. Cando empezou a gobernar o Reino de Deus? (Parte 1)”, no número do 1 de outubro de 2014 desta revista.

^ Ver Daniel 4:20-22 (4:23-25, TNM).

^ Ver Apocalipse 12:6, 14.

^ Ver Números 14:34; Ezequiel 4:6.

^ Ver Apocalipse 6:4.

^ Mira o capítulo 9 do libro Que nos ensina a Biblia?, publicado polas testemuñas de Xehová e dispoñible en jw.org.