A BIBLIA CAMBIOULLES A VIDA
“Empecei a pensar seriamente no rumbo que levaba a miña vida”
ANO DE NACEMENTO: 1941
PAÍS DE ORIXE: AUSTRALIA
OUTROS DATOS: FUMABA E ABUSABA DO ALCOHOL
O MEU PASADO
Crieime en Warialda, unha pequena cidade de Nova Gales do Sur. É unha zona onde hai granxas, ovellas, vacas e onde se cultivan gran e hortalizas. Ademais, é limpo e hai pouco crime.
Son o maior de dez irmáns, así que con 13 anos empecei a traballar para axudar á miña familia. Traballaba en ranchos porque tiña poucos estudos. Ós 15 anos xa era peón e domaba cabalos salvaxes.
Traballar en ranchos tiña cousas boas. Por un lado, desfrutaba do meu traballo e da natureza. Podía sentarme diante dunha fogueira pola noite e mirar a Lúa e o ceo cheo de estrelas mentres a brisa do atardecer me traía o olor do campo que me rodeaba. Recordo que pensaba en que alguén tivo que crear todas esas cousas marabillosas. Pero por outro lado, nos ranchos tamén había algunhas malas influencias. Os demais traballadores eran malfalados e fumaban moito, e eu seguín o seu exemplo.
Cando cumprín 18 anos mudeime a Sydney. Intentei entrar no exército pero non me aceptaron porque non tiña estudos. Conseguín un traballo e vivín alí un ano. Naquela época coñecín as testemuñas de Xehová. Invitáronme a ir a unha das súas reunións e aceptei. Deime conta inmediatamente de que o que ensinaban é a verdade.
Pouco despois decidín volver ó campo. Acabei en Goondiwindi, Queensland. Encontrei un traballo, casei e, por desgraza, tamén empecei a abusar do alcohol.
A miña muller e mais eu tivemos dous fillos. Despois de que eles nacesen, empecei a pensar seriamente no rumbo que levaba a miña vida. Recordei o que escoitara naquela reunión das testemuñas en Sydney e decidín facer algo ó respecto.
Encontrei un exemplar antigo dunha revista A Atalaia onde aparecía a dirección da sucursal das Testemuñas de Xehová de Australia. Mandeilles unha carta pedíndolles axuda e un tempo máis tarde visitoume un irmán moi amable e cariñoso co que empecei a estudar a Biblia.
O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA
Ó estudar a Biblia deime conta de que necesitaba facer grandes cambios na miña vida. Un versículo que me marcou especialmente foi 2 Corintios 7:1, que nos anima a limparnos “de toda inmundicia de corpo”.
Decidín que ía deixar de fumar e de abusar do alcohol. Non foi fácil facer estes cambios porque eran hábitos que formaban parte da miña vida dende había moito tempo. Pero estaba resolto a vivir como a Xehová lle agrada. O que máis me axudou foi aplicar o principio que se atopa en Romanos 12:2, que di: “Non vos axustedes ó mundo presente. Transformádevos, máis ben, pola renovación da mente”. Entendín que para cambiar de hábitos tamén tiña que cambiar a miña forma de pensar e ver eses hábitos como Xehová os ve, como algo que me fai dano. Coa súa axuda conseguín deixar de fumar e de abusar do alcohol.
“Entendín que para cambiar de hábitos tamén tiña que cambiar a miña forma de pensar.”
O que máis me custou foi deixar de ser malfalado. Coñecía o que di a Biblia en Efesios 4:29: “Que non saia da vosa boca unha palabra ruín”. Pero aínda así, levoume tempo deixar ese mal hábito. Axudoume meditar nas palabras de Isaías 40:26. Falando das estrelas, este versículo di: “Levantade os vosos ollos ó alto, ollade: ¿Quen fixo esas cousas? O que fai saír con orde o exército celeste, e a todo el o chama polo nome, coa enormidade do seu poder, coa súa vigorosa forza, e non falta ningún”. Pensei que se Deus tivo poder para crear todo o Universo, que tanto me gusta observar, tamén podía darme as forzas para facer os cambios necesarios para agradarlle. Con moita oración e esforzo fun conseguindo deixar de ser malfalado.
OS BENEFICIOS
Como era peón, non tiña moitas oportunidades de falar con xente porque non había moitas persoas arredor do rancho onde traballaba. Pero nas reunións das testemuñas de Xehová aprendín a expresarme mellor. Entre outras cousas, a capacitación que recibín permitiume falarlles a outros das boas noticias do Reino de Deus (Mateo 6:9, 10; 24:14).
Sirvo como ancián de congregación dende hai uns anos. É un honor axudar en todo o que podo ós meus irmáns. Pero a bendición máis grande que recibín é servir a Xehová xunto coa miña fiel e querida muller e os nosos fillos.
Doulle grazas a Xehová porque, aínda que eu tiña poucos estudos, dedicou tempo a capacitarme (Isaías 54:13). Estou de acordo coas palabras de Proverbios 10:22 onde di que “é a bendición do Señor a que fai rico”. A miña familia e mais eu estamos desexando aprender máis de Xehová e servilo para sempre.