Ir ó contido

A Biblia cambioulles a vida

A Biblia cambioulles a vida

A Biblia cambioulles a vida

COMO encontrou un home de Escocia algo máis valioso ca unha carreira de éxito no mundo dos negocios? Que axudou a un home do Brasil a abandonar un estilo de vida inmoral e a vencer a súa adicción ó crack? Como foi capaz de deixar a bebida un home de Eslovenia? Vexamos o que eles mesmos nos responden.

“Parecía que tiña unha boa vida” (JOHN RICKETTS)

ANO DE NACEMENTO: 1958

PAÍS DE ORIXE: ESCOCIA

OUTROS DATOS: ERA UN EMPRESARIO DE ÉXITO

O MEU PASADO: Crecín nunha familia acomodada. Meu pai era un oficial do exército británico, así que a miña familia mais eu tiñamos que mudarnos con frecuencia. Ademais de vivir en Escocia, estivemos en Inglaterra, Alemaña, Kenya, Malaisia, Irlanda e Chipre. Cando fixen os 8 anos, meus pais enviáronme a estudar a Escocia, e finalmente gradueime na Universidade de Cambridge.

Cando cumprín 20 anos, comecei a miña carreira profesional na industria petroleira, que durou oito anos. Primeiro, estiven traballando en América do Sur, despois en África e, por último, en Australia Occidental, onde fundei unha empresa de inversións que máis adiante vendín.

Grazas ó que gañei con esa venda puiden retirarme ós 40 anos. Como agora tiña moito tempo libre, dediqueime a viaxar. Percorrín Australia dúas veces en moto e fixen unha viaxe arredor do mundo. Parecía que tiña unha boa vida.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA: Incluso antes de retirarme, sentía a necesidade de agradecerlle a Deus que puidese levar unha vida tan boa. Así que comecei a ir á igrexa anglicana, na que fun educado cando era novo. Pero alí case non aprendía nada da Biblia. Entón probei a estudar cos mormóns, pero perdín o interese cando vin que as súas ensinanzas non se baseaban na Biblia.

Un día, as testemuñas de Xehová chamaron á miña porta. Deime conta ó momento de que as súas crenzas estaban completamente baseadas na Biblia. Un dos textos bíblicos que me leron foi 1 Timoteo 2:3, 4 (TNM) onde di que Deus quere que “toda clase de persoas se salven e cheguen a ter un coñecemento exacto da verdade”. Chamoume a atención que non só lle desen importancia a ter coñecemento da Biblia, senón tamén a que fose exacto.

Estudar a Biblia coas testemuñas de Xehová axudoume a adquirir ese coñecemento exacto. Por exemplo, aprendín que Deus e Xesús non son parte dunha misteriosa trindade, senón que son dúas persoas diferentes (Xoán 14:28; 1 Corintios 11:3). Canto tempo perdera tratando de comprender esa doutrina! O certo é que a verdade era moito máis sinxela.

Axiña comecei a asistir ás reunións das testemuñas de Xehová. Impresionoume ver que todos eran amables e que tiñan principios morais moi elevados, parecían uns santos. Ver que se demostraban amor auténtico convenceume de que atopara a relixión verdadeira (Xoán 13:35).

OS BENEFICIOS: Despois de bautizarme, coñecín a Diane, unha muller marabillosa que se criara como testemuña de Xehová. Encantáronme as súas fermosas calidades. Co tempo, casamos. A súa amizade e o seu apoio foron unha auténtica bendición de Xehová.

Diane mais eu tiñamos moitas ganas de ir axudar a unha zona onde máis persoas quixesen escoitar as boas noticias da Biblia. Así que, no 2010, mudámonos a Belize, en América Central. Alí puidemos ensinarlles as verdades bíblicas a persoas que aman a Deus e que están desexando aprender máis acerca del.

Coñecer a verdade sobre Deus e sobre a súa Palabra, a Biblia, deume paz interior. No meu servizo a tempo completo, tiven o privilexio de axudar a moitas persoas a coñecer a Biblia. Non existe nada mellor que ver como as verdades bíblicas melloran a vida dunha persoa, como me pasou a min. Agora si que atopei a mellor maneira de darlle as grazas a Deus por poder desfrutar da vida.

“Foron moi amables comigo” (MAURÍCIO ARAÚJO)

ANO DE NACEMENTO: 1967

PAÍS DE ORIXE: O BRASIL

OUTROS DATOS: LEVABA UN ESTILO DE VIDA INMORAL

O MEU PASADO: Crieime en Avaré, unha pequena cidade do estado de São Paulo. A maioría dos habitantes dese lugar pertencen á clase traballadora.

Meu pai faleceu cando miña nai aínda estaba embarazada de min. De pequeno, cando miña nai non estaba na casa, vestíame coa súa roupa. Como empecei a ter xestos afeminados, a xente pensaba que era homosexual. Co tempo, comecei a ter relacións sexuais con outros rapaces e tamén con homes maiores ca min.

Nos últimos anos da miña adolescencia, ía continuamente a bares, clubs nocturnos e mesmo a igrexas en busca de homes ou mulleres cos que poder deitarme. Na época do Carnaval, vestíame de muller e bailaba nos desfiles das escolas de samba. Cheguei a ser moi popular.

No meu círculo de amigos había homosexuais, prostitutas e drogadictos. Algúns deles convencéronme para que probase o crack, e pronto me volvín adicto. Ás veces, pasaba toda a noite fumando crack con eles; outras veces, fumaba todo o día eu só. Adelgacei tanto que a xente pensaba que tiña a sida.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA: Nesa época coñecín as testemuñas de Xehová. Foron moi amables comigo. Un dos versículos da Biblia que me leron foi Romanos 10:13, onde di: “Porque todo o que invoque o nome do Señor será salvo”. Aquelas palabras fixéronme entender a importancia de usar o nome de Deus, Xehová. Así que, moitas veces, despois de pasar toda a noite fumando crack, abría a ventá, miraba ó ceo e oráballe a Xehová con bágoas nos ollos, suplicándolle que me axudase.

Estaba preocupado pola miña nai, pois ela sufría moito ó ver o estado no que me encontraba por culpa das drogas. Así que decidín deixalas. Pouco despois, aceptei estudar a Biblia coas testemuñas de Xehová. Aseguráronme que o estudo me daría as forzas que precisaba para deixar as drogas, e así foi!

A medida que avanzaba no meu curso da Biblia, íame dando conta de que tiña que facer grandes cambios na miña vida. Unha das cousas que máis me custou deixar foron as prácticas homosexuais, xa que formaran parte do meu estilo de vida dende que era moi novo. Algo que me axudou moito foi cambiar de compañías. Cortei coas miñas antigas amizades e deixei de ir a bares e a clubs nocturnos.

Aínda que non me resultou nada fácil facer todos estes cambios, algo que me deu moito ánimo foi saber que Xehová se preocupaba por min e que entendía polo que estaba pasando (1 Xoán 3:19, 20). No ano 2002 fun capaz de deixar atrás as prácticas homosexuais e, nese mesmo ano, bauticeime como testemuña de Xehová.

OS BENEFICIOS: Miña nai estaba tan asombrada dos cambios que fixera que ela tamén aceptou un curso da Biblia. Tristemente, máis tarde, sufriu un infarto cerebral. Pero isto non impediu que o seu amor por Xehová e polas verdades bíblicas medrase.

Nos últimos oito anos estiven moi ocupado no servizo a tempo completo ensinándolles o que di a Biblia a outras persoas. Teño que admitir que ás veces tiven que loitar contra desexos impropios. Pero fortaléceme moito saber que, ó resistir eses desexos, estou facendo feliz a Xehová.

Acercarme a Xehová e vivir como a el lle agrada axudoume a ter máis autoestima. Agora, son un home feliz.

“Era un barril sen fondo” (LUKA ŠUC)

ANO DE NACEMENTO: 1975

PAÍS DE ORIXE: ESLOVENIA

OUTROS DATOS: ABUSABA DO ALCOHOL

O MEU PASADO: Nacín en Liubliana, a capital de Eslovenia. Tiven unha infancia feliz ata que meu pai se suicidou cando eu tiña 4 anos. Despois desa traxedia, miña nai tivo que traballar moi duro para sacarnos adiante ó meu irmán maior mais a min.

Ós 15 anos mudeime coa miña avoa materna. Gustábame vivir con ela porque moitos dos meus amigos vivían no mesmo barrio, e tamén tiña máis liberdade ca na miña casa. Ós 16, empecei a andar con xente que saía a beber durante a fin de semana. Deixei o pelo longo, comecei a vestir coma un rebelde e ademais empecei a fumar.

Aínda que probei diferentes tipos de drogas, o que máis me gustaba era beber alcohol. Axiña pasei de beber só uns vasiños de viño a beber máis dunha botella de golpe. Volvinme un experto disimulando o borracho que estaba. Moitas veces, a xente só sabía que bebera polo meu alento, pero aínda así, ninguén se imaxinaba que xa levaba bebidos varios litros de viño ou de cervexa mesturados con vodka!

Normalmente era eu quen axudaba ós meus amigos a manterse en pé despois de pasar a noite enteira bebendo na discoteca, aínda que seguramente eu bebera moito máis ca eles. Un día, escoitei un dos meus amigos dicir que eu era un barril sen fondo. No meu idioma, esta expresión úsase para burlarse de alguén que bebe moito máis cós demais. Aquel comentario doeume moito.

Iso fíxome reflexionar. Entón, empecei a sentirme coma un completo inútil e a pensar que todo o que fixera na miña vida non valía para nada.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA: Nesa época, fixeime no cambio que dera un compañeiro de clase. Agora parecía unha persoa moito máis tranquila. Isto despertou a miña curiosidade, así que o invitei a tomar un café. Na conversa contoume que comezara a estudar a Biblia coas testemuñas de Xehová. Explicoume algunhas das cousas que estaba aprendendo. Como eu non me criei nun ambiente relixioso, todo aquilo era novo para min. Entón comecei a ir ás reunións das testemuñas de Xehová e a estudar a Biblia con elas.

As verdades da Biblia déronme moitas forzas para facer cambios na miña vida. Por exemplo, aprendín que estamos vivindo no tempo que a Biblia chama os “días derradeiros”, ou últimos días (2 Timoteo 3:1-5). Tamén aprendín que Deus pronto eliminará as persoas malas, e que lles dará ás persoas boas a oportunidade de vivir para sempre nun paraíso na Terra (Salmo 37:29). Sentín un forte desexo de limpar a miña vida para poder estar eu tamén entre esas persoas boas.

Comecei a falarlles ós meus amigos do que estaba aprendendo na Biblia. Aínda que moitos deles se burlaron de min, no fondo a súa reacción axudoume, pois puiden ver que non eran amigos de verdade. Tamén me dei conta de que os meus problemas co alcohol estaban moi relacionados coas compañías que tiña. Eran persoas que pasaban a semana desexando que chegase a fin de semana para emborracharse.

Decidín cambiar esas amizades pola compañía das testemuñas de Xehová. Estes novos amigos foron unha fonte de ánimo para min. Eran persoas que amaban a Deus de corazón e que se esforzaban de verdade por vivir de acordo cos seus principios. Pouco a pouco, fun capaz de deixar a bebida.

OS BENEFICIOS: Estoulle moi agradecido a Xehová porque xa non necesito o alcohol para sentirme mellor. Non sei como acabaría se seguise co meu estilo de vida anterior. Pero estou seguro de que estou moito mellor agora.

Nos últimos sete anos, tiven o privilexio de servir na sucursal das testemuñas de Xehová en Eslovenia. Coñecer a Xehová e servilo foi o que lle deu verdadeiro sentido á miña vida.