Ir ó contido

AXUDA PARA AS FAMILIAS | PAIS

Como falar de sexo co teu fillo

Como falar de sexo co teu fillo

O DESAFÍO

Hai só unhas décadas, os pais conseguían ser os primeiros en falar de sexo cos seus fillos. E podían explicarlles as cousas pouco a pouco, de acordo coa idade e as necesidades de cada fillo.

Pero iso cambiou. O libro The Lolita Effect di: “Os nenos están expostos a mensaxes de tipo sexual cada vez máis cedo. E os programas para nenos tamén teñen cada vez máis contido sexual”. Como lles afecta este cambio ós nenos?

O QUE DEBERÍAS SABER

Os contidos sexuais están por todas partes. No libro Talk to Me First, Deborah Roffman escribiu: “As conversacións, películas, libros, cancións, anuncios, programas de televisión, mensaxes, xogos, carteis publicitarios e pantallas dos teléfonos e ordenadores están cheos de imaxes, linguaxe e insinuacións de contido sexual. É por iso que moitos adolescentes, e incluso nenos, chegan á conclusión de que o sexo ten que ser [...] o máis importante da vida”.

A publicidade ten parte da culpa. Anunciantes e comerciantes venden roupa infantil provocativa. Iso fai que dende moi pequenos, os nenos aprendan a darlle demasiada importancia ó seu aspecto. O libro So Sexy So Soon di: “Os profesionais do márketing saben que os nenos queren ser aceptados polos seus amigos, e aproveitan esa debilidade. Esas imaxes e produtos non están pensados para promocionar o sexo entre os nenos, senón para que os nenos queiran cousas novas e así vender máis”.

Non chega con ter información. Igual que non chega con saber como funciona un coche para ser un bo condutor, tampouco chega con saber sobre sexo para tomar boas decisións sobre este asunto.

En resumo: Hoxe máis que nunca, é importante que lles ensines ós teus fillos a ter discernimento para que poidan “distingui-lo bo do malo” (Hebreos 5:14).

O QUE PODES FACER

Implícate. Aínda que che resulte incómodo, falar de sexo cos teus fillos é a túa responsabilidade. Acéptao. Principio bíblico: Proverbios 22:6.

Ten conversacións breves sobre sexo. En vez de ter unha conversa longa, aproveita momentos do día a día para falar con naturalidade sobre o tema. Pode ser cando ides no coche ou cando facedes xuntos algunha tarefa na casa. Para axudarlle ó teu fillo a expresarse, faille preguntas de punto de vista. Por exemplo, en lugar de preguntarlle directamente: “Gústanche ese tipo de anuncios?”, poderías dicir: “Por que pensas que os anunciantes usan ese tipo de imaxes para vender produtos?”. Despois de escoitar a súa resposta poderías preguntarlle: “E ti que pensas?”. Principio bíblico: Deuteronomio 6:6, 7.

Ten en conta a idade do neno. Os nenos en idade preescolar poden aprender o nome correcto dos órganos sexuais e como protexerse de persoas que poderían intentar abusar sexualmente deles. A medida que crezan, podes explicarlles conceptos xerais sobre a reprodución. E cando chegan á puberdade, xa deberían entender que é o sexo e o que pensa Xehová sobre este tema.

Ensínalles valores morais. Dende que son moi pequenos, ensínalles a dicir a verdade, a facer o correcto e a ser respectuosos cos demais. Así serache máis fácil falarlles sobre sexo. Ademais, explícalles claramente o que pensas ti sobre o que está ben e o que está mal. Por exemplo, se cres que non está ben ter relacións sexuais antes do matrimonio, díllelo. E explícalles por que está mal e cales son os perigos. O libro Beyond the Big Talk explica: “É menos probable que un adolescente teña relacións sexuais se sabe que os seus pais non o aproban”.

Pon o exemplo. Vive de acordo cos valores morais que lles ensinas. Por exemplo: Fanche gracia os chistes obscenos? Vistes de forma provocativa? Gústache flirtear? Se fas cousas coma estas, é probable que os teus fillos non che fagan caso cando lles fales sobre sexo. Principio bíblico: Romanos 2:21.

Sé positivo. O sexo é un regalo de Deus e, cando o practican un home e unha muller que están casados, pode ser unha fonte de moita felicidade (Proverbios 5:18, 19). Explícalles ós teus fillos que, co tempo, eles tamén poderán desfrutar deste regalo sen ter que sufrir as consecuencias de manter relacións sexuais antes de casar (1 Timoteo 1:18, 19).