RAPACES
9. Identidade
QUE IMPLICA
O que te identifica non é só o teu nome ou o teu aspecto, senón tamén os teus valores, as túas crenzas e a túa personalidade. En realidade, é todo o que fai que ti sexas ti, tanto por dentro coma por fóra.
POR QUE É IMPORTANTE
Cando tes claro quen es, defendes os teus principios e non permites que outros rapaces te controlen.
“Moitas persoas son coma os manequíns que se ven nas tendas. Non escollen a roupa que levan, senón que llela poñen outros” (Adrian).
“Aprendín a defender o que está ben aínda que non sexa fácil. Podo saber quen son os meus amigos de verdade vendo como se comportan e por como me comporto eu cando estou con eles” (Courtney).
O QUE DI A BIBLIA: “E non vos axustedes ó mundo presente. Transformádevos, máis ben, pola renovación da mente” (Romanos 12:2).
QUE PODES FACER
Analiza cales son os teus puntos fortes, os teus puntos débiles e as túas conviccións para saber quen es agora e quen queres chegar a ser. Un bo xeito de empezar é facerte as seguintes preguntas.
Puntos fortes: “Que talentos e habilidades teño? Que cousas fago ben? Cales son os meus puntos fortes? Por exemplo: Seime controlar? Son puntual, traballador ou xeneroso?”.
CONSELLO: Se che custa identificar os teus puntos fortes, pídelles axuda ós teus pais ou a un amigo de confianza. Pregúntalles que puntos fortes ven en ti e de que xeitos concretos os demostras.
O QUE DI A BIBLIA: “Bote contas cadaquén sobre os propios feitos, e daquela terá en si e non nos outros razón para estar satisfeito” (Gálatas 6:4).
Puntos débiles: “Que aspectos da miña personalidade son os que máis teño que mellorar? Cando é máis probable que me vexa tentado a facer algo que está mal? En que ámbitos teño que controlarme máis?”.
O QUE DI A BIBLIA: “Se dicimos que non temos pecado, desviámonos” (1 Xoán 1:8).
Conviccións: “Que valores morais rexen a miña vida e por que? Creo en Deus? Que probas me convencen de que existe? Que cousas penso que son inxustas e por que? Que creo que vai pasar no futuro?”.
O QUE DI A BIBLIA: “A discreción velará sobre ti, gardarate o discernimento” (Proverbios 2:11).