Ir ó contido

Ir ó índice

A astroloxía e a adiviñación: poden predicir o futuro?

A astroloxía e a adiviñación: poden predicir o futuro?

A ASTROLOXÍA

A astroloxía é unha forma de adiviñación que se basea na crenza de que as estrelas, a lúa e os planetas teñen unha grande influencia na vida das persoas. Os astrólogos afirman que a posición destes corpos celestes o día no que nace unha persoa determina a súa personalidade e o seu futuro.

Aínda que a astroloxía empezou hai centos de anos na antiga Babilonia, esta forma de adiviñación segue sendo moi popular. Unha enquisa feita nos Estados Unidos no ano 2012 mostra que unha de cada tres persoas pensan que a astroloxía é unha “especie de ciencia” e o 10% dixo que era “unha ciencia”. É certo iso? Non. Vexamos por que.

  • Os planetas e as estrelas non emiten ningunha forza que poida influír nas persoas como din os astrólogos.

  • Normalmente as predicións son tan xerais que poderían valer para calquera persoa.

  • Os cálculos astrolóxicos aínda se basean na antiga crenza de que os planetas xiran arredor da Terra, pero en realidade os planetas xiran arredor do Sol.

  • As predicións que fan diferentes astrólogos para unha persoa non coinciden.

  • A astroloxía clasifica as persoas en 12 categorías ou signos do zodíaco dependendo da súa data de nacemento. Pero como a posición da Terra no espazo cambiou co paso dos séculos, as datas dos signos do zodíaco xa non se corresponden co momento en que o Sol pasa polas constelacións que lles deron nome a estes signos.

Pénsase que os signos do zodíaco indican como é o carácter dunha persoa. Pero, en realidade, as persoas que nacen o mesmo día non teñen a mesma personalidade. A data de nacemento de alguén non di nada sobre a súa forma de ser. En vez de xulgar unha persoa polo seu carácter e comportamento, os astrólogos fanse unha opinión dela baseándose en suposicións. Non é isto unha forma de prexuízo?

A ADIVIÑACIÓN

Dende a antigüidade a xente consulta adiviños. Algúns destes adiviños intentaban “ler” o futuro analizando algunhas cousas como as vísceras de animais e humanos ou observando como un galo comía o gran. Outros intentaban facer predicións baseándose nas formas que deixaban os restos do té ou do café na cunca. Na actualidade usan outros métodos como as cartas do tarot, as bolas de cristal e os dados. É a adiviñación unha forma fiable de coñecer o futuro? Non, non o é. Vexamos por que.

Analicemos a falta de consistencia. As predicións normalmente se contradín, tanto se se usan diferentes métodos de adiviñación, como se se usa o mesmo. Por exemplo, se unha persoa lles fai a mesma pregunta sobre o seu futuro a dous adiviños diferentes e eles len as mesmas cartas, o lóxico sería que a resposta fose a mesma. Pero case nunca é así.

Os seus métodos e motivos tamén son cuestionables. Hai quen di que as cartas e as bolas de cristal son só parte do decorado e que en realidade os adiviños len a reacción das persoas. Por exemplo, un bo adiviño pode facer preguntas xerais e estar atento ás respostas verbais e non verbais que lle dan información sobre o cliente. Despois presentará esa información como se a adiviñase el, cando en realidade foi o propio cliente quen lla deu sen sabelo. Así, unha vez conseguiron a confianza do seu cliente, algúns adiviños obtiveron unha gran cantidade de cartos.

QUE DI A BIBLIA?

A astroloxía e a adiviñación baséanse na crenza de que o noso futuro está predeterminado. Pero é así? A Biblia di que podemos escoller que crer ou que facer e que as nosas decisións inflúen no noso futuro (Xosué 24:15).

As persoas que queren adorar a Deus teñen outra razón máis para rechazar a astroloxía e a adiviñación: Deus condena tódalas formas de adiviñación. Na Biblia encontramos estas palabras: “Non se atopará en ti quen faga pasa-lo seu fillo e á súa filla polo lume, quen prediga adiviñacións, quen faga encantamentos, quen lea as sortes nos astros, quen se dea á bruxería, encantadores de feitizos, quen faga preguntas ó espírito dos mortos e ó que ten o espírito adiviño dos mortos, quen consulte ós mortos. Xa que todo aquel que practique estas cousas é unha abominación para o Señor” a (Deuteronomio 18:10-12).

a Nos idiomas orixinais nos que se escribiu a Biblia dise que o nome de Deus é Xehová.