3 | Como poden axudarche os exemplos da Biblia?
A BIBLIA FALA DE...Homes e mulleres fieis que tiveron sentimentos coma calquera de nós (SANTIAGO 5:17).
Que significa?
As páxinas da Biblia conteñen moitos relatos de homes e mulleres da vida real que experimentaron diferentes tipos de emocións. Podemos sentirnos identificados con algúns deles cando lemos o que lles pasou.
Como nos axuda?
Todos necesitamos sentir que nos entenden, pero isto é especialmente necesario cando loitamos contra enfermidades mentais. Cando lemos a Biblia, podemos sentirnos identificados con persoas que viviron no pasado e que tiveron os mesmos pensamentos e sentimentos ca nós. Grazas a isto, dámonos conta de que non estamos sós na nosa loita contra a ansiedade e as emocións negativas.
A Biblia cóntanos o que dixeron algúns homes que se sentiron desesperados e sen forzas. Pensaches algunha vez “Non podo máis, non podo vivir así”? Pois Moisés, Elías e David sentíronse desta mesma maneira (Números 11:14, 1 Reis 19:4, Salmo 55:5 [55:4, TNM]).
A Biblia fálanos dunha muller chamada Ana que tiña a “alma chea de tristura”. Por que se sentía así? Porque non podía ter fillos e porque a outra muller do seu home se burlaba cruelmente dela (1 Samuel 1:6, 10).
A Biblia tamén nos fala dun home chamado Xob co que nos podemos sentir identificados. Aínda que tiña unha fe forte en Xehová, sentiuse tan angustiado que dixo: “Sinto noxo da miña vida, non quero seguir vivindo” (Xob 7:16, TNM).
Todas estas persoas puideron superar a súa forma de pensar negativa. Se aprendemos na Biblia como o lograron, nós tamén teremos as forzas para facer o mesmo.