Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 29

CANCIÓN sn 52 “Garda o corazón”

Manteñámonos alerta ante as tentacións

Manteñámonos alerta ante as tentacións

“Mantédevos despertos e orade unha e outra vez para que non caiades na tentación” (MAT. 26:41).

OBXECTIVO

Axudarnos a ver que non só é importante evitar o pecado senón tamén as cousas que nos levan a pecar.

1, 2. a) Que advertencia lles deu Xesús ós seus discípulos? b) Que fixo que os discípulos abandonasen a Xesús? (Ver tamén as imaxes).

 “O HOME quere facer o que está ben, pero a carne é débil” (Mat. 26:41b). a Con estas palabras Xesús deixou claro que entendía que somos imperfectos e que cometemos erros. Pero tamén eran unha advertencia: temos que ter coidado co exceso de confianza. Unhas poucas horas antes de que Xesús dixese aquelas palabras, os seus discípulos prometéranlle que nunca o abandonarían (Mat. 26:35). A súa intención era boa, pero non se deron conta do rápido que poderían ceder á presión ó verse nunha situación difícil. Por iso Xesús lles dixo: “Mantédevos despertos e orade unha e outra vez para que non caiades na tentación” (Mat. 26:41a).

2 Tristemente os discípulos non foron capaces de manterse despertos. Que fixeron cando arrestaron a Xesús? Mantivéronse ó seu lado ou tiveron medo e fuxiron? Como non estiveron alerta, fixeron xusto o que dixeran que nunca farían: abandonar a Xesús (Mat. 26:56).

Xesús díxolles ós seus discípulos que se mantivesen despertos e alerta ante a tentación, pero eles abandonárono (ver os parágrafos 1 e 2).


3. a) Se queremos seguir sendo leais a Xehová, por que non podemos confiarnos? b) Que analizaremos neste artigo?

3 Non podemos confiarnos. É certo que estamos decididos a non facer nada que nos aparte de Xehová. Pero somos imperfectos e é fácil que nos sintamos tentados a facer o que está mal (Rom. 5:12; 7:21-23). De repente, poderiamos vernos nunha situación na que facer algo malo nos resulte atraente. Se queremos ser leais a Xehová e ó seu Fillo temos que seguir o consello de Xesús de manternos sempre despertos para non caer na tentación e pecar. Este artigo axudaranos a conseguilo. Primeiro, analizaremos ante que cousas temos que estar especialmente alerta. Despois falaremos de como protexernos das tentacións. E, por último, veremos como manternos alerta.

ANTE QUE COUSAS TEMOS QUE MANTERNOS ALERTA?

4, 5. Por que debemos manternos alerta incluso ante os pecados menos graves?

4 Hai pecados que son menos graves ca outros. Pero, aínda así, debilitan a nosa relación con Xehová. Ademais, poden facer que acabemos cometendo pecados máis serios.

5 Todos nos enfrontamos á tentación de pecar, pero cada un de nós temos os nosos puntos débiles que nos poderían levar máis facilmente a facer algo malo. Por exemplo, unha persoa podería estar loitando contra a tentación de cometer inmoralidade sexual. Outra quizais sinta o desexo de facer cousas impuras como masturbarse ou ver pornografía. E outra podería estar loitando contra o orgullo, o mal carácter, ou o temor ó home. Como dixo Santiago, “a cadaquén téntao a súa cobiza cando o arrastra e engaiola” (Sant. 1:14).

6. Que temos que recoñecer?

6 E ti, sabes cales son os teus puntos débiles? É perigoso enganarnos a nós mesmos ignorando as nosas debilidades ou pensando que somos demasiado fortes como para cometer un pecado (1 Xoán 1:8). Ó fin e ó cabo, Paulo dixo que incluso os que teñen moitas cualidades espirituais poden caer na tentación se non se manteñen alerta (Gál. 6:1). Así que debemos ser honestos con nós mesmos e recoñecer cales son as nosas debilidades (2 Cor. 13:5).

7. A que lle debemos prestar especial atención? Pon un exemplo.

7 Agora que xa sabemos cales son os nosos puntos débiles, que deberiamos facer? Esforzarnos ó máximo por protexelos. Pensemos no seguinte exemplo: en tempos bíblicos as partes máis vulnerables da muralla dunha cidade eran as portas. Por ese mesmo motivo, era onde había máis gardas. De maneira parecida, temos que prestarlles especial atención ós puntos nos que sabemos que somos máis débiles (1 Cor. 9:27).

COMO PODEMOS PROTEXERNOS

8, 9. Que puido facer o rapaz do que se fala en Proverbios capítulo 7 para evitar cometer un pecado grave? (Proverbios 7:8, 9, 13, 14, 21).

8 Entón, como podemos protexernos? Vexamos o que aprendemos do home novo do que se fala no capítulo 7 de Proverbios. El cometeu inmoralidade sexual cunha muller inmoral. O versículo 22 di: “O parviño vai tras ela”. Así que parece que caeu de repente na trampa. Pero os versículos anteriores mostran que, antes de verse nesa situación, xa tomara malas decisións que pouco a pouco o levaron a pecar.

9 Cales foron? Primeiro, ó anoitecer, pasou cerca da esquina onde estaba esa muller inmoral. Despois, camiñou en dirección á casa dela (le Proverbios 7:8, 9). Entón, cando viu a muller, non deu a volta. En vez diso, deixou que o bicase e escoitouna mentres ela lle contaba que fixera sacrificios de comuñón. Quizais a muller dixo isto porque quería que el pensase que era unha boa persoa (le Proverbios 7:13, 14, 21). Se aquel rapaz non tomase todas esas malas decisións evitaría expoñerse á tentación de facer algo malo e non pecaría.

10. Como podería alguén hoxe en día cometer o mesmo erro que o rapaz de Proverbios?

10 Este relato demostra moi ben o que lle pode pasar a calquera servo de Xehová. Quizais alguén cometa un pecado grave e despois sinta que todo pasou de repente e sen esperalo. Pero, se pensa no que ocorreu, probablemente se dea conta de que xa antes tomara malas decisións que finalmente o levaron a pecar. Ó mellor empezou a xuntarse con persoas que non aman a Xehová. Ou, se cadra, o entretemento que escolleu, os sitios de Internet que visitou ou os lugares ós que foi non eran bos para un cristián. Tamén pode ser que deixase de orar, de ler a Biblia, de asistir ás reunións ou de predicar. Coma o rapaz de Proverbios, é posible que non cometese o pecado tan de repente.

11. Que temos que evitar para non pecar?

11 Cal é a lección para nós? Que non só temos que evitar o pecado senón tamén as cousas que nos levan a pecar. Isto é xusto o que Salomón explicou despois de contar o que lle pasou ó rapaz que foi coa muller inmoral. Referíndose a aquela muller, deu esta advertencia: “Non te extravíes nas súas vereas” (Prov. 7:25). Tamén dixo: “Arreda dela o teu camiño, non te achegues á porta da súa casa” (Prov. 5:3, 8). Destes consellos aprendemos que, se non queremos acabar cometendo un pecado, temos que evitar as cousas e circunstancias que nos poderían levar a caer nel. b Isto quizais inclúa evitar situacións e actividades que en xeral non son malas para un cristián, pero que sabemos que a nós nos poden levar a pecar (Mat. 5:29, 30).

12. Que estaba decidido a facer Xob, e como lle axudou isto a protexerse das tentacións? (Xob 31:1)

12 Para evitar as situacións que nos poden levar a pecar, temos que estar decididos a manternos alerta. Isto foi xusto o que fixo Xob. El resolveuse a non mirar outras mulleres con ningún tipo de desexo inmoral (le Xob 31:1). Esta decisión axudoulle a non correr o risco de cometer adulterio. Nós tamén podemos resolvernos a evitar calquera cousa que nos poida levar a pecar.

13. Por que debemos ter coidado co que pensamos? (Ver tamén as imaxes).

13 Tamén temos que ter coidado co que pensamos (Éx. 20:17). Algúns cren que non hai ningún problema en imaxinarse a un mesmo facendo cousas malas mentres na realidade non as practiquemos. Pero, pensar así non está ben. Cando unha persoa se sente tentada a facer algo malo e segue pensando niso ó final ten aínda máis ganas de facelo. En realidade, só lle está botando máis leña ó lume e quizais despois non sexa capaz de apagalo. É certo que ás veces nos virán á mente malos pensamentos. A clave está en rechazalos inmediatamente e substituílos por outros bos. Ó facer isto, non permitimos que os malos pensamentos se convertan nun desexo forte. Así protexémonos de cometer un pecado grave (Filip. 4:8; Col. 3:2; Sant. 1:13-15).

Temos que evitar calquera cousa que poida converterse nunha tentación (ver o parágrafo 13).


14. Que outra cousa nos pode axudar a protexernos das tentacións?

14 Que máis podemos facer para protexernos das tentacións? Temos que estar totalmente convencidos de que obedecer as normas de Xehová sempre é o mellor para nós. Ás veces, pode resultarnos difícil que os nosos pensamentos e os nosos desexos estean de acordo co que Xehová quere. Pero se nos esforzamos ó máximo por conseguilo seremos felices de verdade.

15. Por que ter o desexo de facer o que está ben nos protexe de non caer nas tentacións?

15 Necesitamos esforzarnos por ter o desexo de facer o que lle gusta a Xehová. Se aprendemos a rechazar o mal e a amar o ben, estaremos máis decididos a facer o correcto e a evitar situacións que nos leven a pecar (Amós 5:15). Ademais seranos máis fácil resistir se algunha vez nos encontramos cunha tentación que non esperabamos ou que non puidemos evitar.

16. Como nos poden axudar as actividades espirituais a estar alerta? (Ver tamén as imaxes).

16 Como podemos ter o desexo de facer o que está ben? Estando moi ocupados en actividades espirituais. Por exemplo, cando asistimos ás reunións de congregación ou predicamos, fortalecemos o noso desexo de agradarlle a Xehová e non nos vemos tentados a facer algo malo (Mat. 28:19, 20; Heb. 10:24, 25). Ó ler, estudar e meditar na Palabra de Deus aumentamos o noso amor polo bo e o noso odio polo malo (Xos. 1:8; Sal. 1:2, 3; 119:97, 101). Recorda o que Xesús lles dixo ós seus discípulos: “Orade unha e outra vez para que non caiades na tentación” (Mat. 26:41). Cando pasamos tempo orándolle a Xehová, dámoslle a oportunidade de que nos axude e chegamos a estar máis decididos a agradarlle (Sant. 4:8).

Unha boa rutina espiritual axúdanos a rechazar as tentacións (ver o parágrafo 16). c


COMO MANTERNOS ALERTA

17. Contra que debilidade tivo que loitar Pedro en máis dunha ocasión?

17 É posible que poidamos superar por completo algunhas das nosas debilidades. Pero quizais haxa outras coas que teñamos que seguir loitando durante moito tempo. Pensa no caso do apóstolo Pedro. Por culpa do temor ó home negou tres veces que coñecía a Xesús (Mat. 26:69-75). Parecía que Pedro xa superara esta debilidade cando falou con valor diante do Sanedrín (Feit. 5:27-29). Pero uns anos máis tarde, “por medo dos circuncidados”, deixou de comer cos cristiáns xentís durante un tempo (Gál. 2:11, 12). Así que este apóstolo volveu a ter medo. De feito, quizais nunca deixou de telo por completo.

18. Que pode pasar con algunhas das nosas debilidades?

18 Quizais nos vexamos nunha situación parecida á de Pedro. En que sentido? Pode que teñamos que volver a loitar contra unha debilidade que pensabamos que xa tiñamos superada. Por exemplo, un irmán recoñece: “Estiven dez anos sen ver pornografía e estaba convencido de que deixara atrás esta adicción. Pero, en certos momentos volvín a sentir a tentación, coma se esta debilidade fose un animal perigoso que estaba escondido esperando o mellor momento para atacarme”. Aínda así, o noso irmán seguiu loitando e non se rendeu. Deuse conta de que para non volver a caer nesta debilidade tería que esforzarse cada día, probablemente durante o resto da súa vida neste sistema. Coa axuda da súa muller e dos anciáns da congregación tomou medidas máis drásticas para non ver pornografía.

19. Que podemos facer se aínda estamos loitando contra algunha debilidade?

19 Que podemos facer para que as debilidades coas que aínda estamos loitando non nos leven a pecar? Seguir o consello que deu Xesús ó falar das tentacións: “Mantédevos despertos”. Incluso cando nos sintamos con forzas debemos seguir evitando as situacións nas que nos poderiamos ver tentados a facer algo malo (1 Cor. 10:12). Se hai cousas que xa nos axudaron a loitar contra esta debilidade noutras ocasións, non deixemos de facelas. Proverbios 28:14 (TNM) di: “O home que sempre está en garda é feliz” (2 Ped. 3:14).

AS RECOMPENSAS DE MANTERNOS ALERTA

20, 21. a) De que recompensas desfrutaremos se nos mantemos alerta e nos protexemos das tentacións? b) Se facemos a nosa parte, que fará Xehová? (2 Corintios 4:7).

20 Podemos estar seguros de que vale a pena o esforzo de manternos alerta ante as tentacións. É certo que o pecado pode ofrecer un “pracer pasaxeiro”, pero vivir como Xehová quere fainos moito máis felices (Heb. 11:25; Sal. 19:9 [19:8, TNM]). Isto é así porque, ó fin e ó cabo, estamos feitos para vivir segundo as súas normas (Xén. 1:27). Desta maneira, desfrutaremos dunha conciencia tranquila e poderemos vivir para sempre (1 Tim. 6:12; 2 Tim. 1:3; Xud. 20, 21).

21 É certo, “a carne é débil”. Pero isto non significa que non poidamos facer nada para loitar contra as nosas debilidades. Xehová sempre está listo para darnos as forzas que necesitamos (le 2 Corintios 4:7). Ten en conta que a forza que Xehová che dá é a extraordinaria. Pero, para recibir esa forza que vai máis alá do normal, primeiro debemos poñer nós a forza normal, é dicir, facer todo o que poidamos cada día para loitar contra as tentacións. Se facemos a nosa parte, podemos estar seguros de que Xehová contestará as nosas oracións e nos dará a axuda que necesitamos (1 Cor. 10:13). Está claro que, grazas a Xehová, poderemos manternos alerta e protexernos das tentacións.

CANCIÓN sjj 47 Nunca esquezas orar

a IDEA IMPORTANTE: O termo carne que se menciona en Mateo 26:41 refírese á nosa condición imperfecta e pecadora. Así que aínda que as nosas intencións sexan boas, se non temos coidado, poderiamos caer na tentación e facer algo que a Biblia condena.

b Unha persoa que cometeu un pecado grave pode encontrar axuda no libro Desfruta da vida para sempre!, lección 57 puntos 1 a 3 e no artigo “Miremos siempre hacia el futuro” da revista La Atalaya de novembro de 2020, páxinas 27 a 29, parágrafos 12 a 17 (dispoñible en español).

c DESCRICIÓN DA IMAXE.: Un irmán le o texto do día pola mañá, le a Biblia no seu descanso para comer e asiste á reunión de entre semana á noite.