Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 4

CANCIÓN sjj 18 Grazas polo rescate

Que nos ensina o rescate?

Que nos ensina o rescate?

“O amor de Deus fíxose ver” (1 XOÁN 4:9).

OBXECTIVO

Ver o que nos ensina o rescate sobre as bonitas cualidades de Xehová Deus e Xesucristo.

1. Por que é bo para nós asistir á Conmemoración da morte de Xesús cada ano?

 XEHOVÁ fíxonos un regalo incrible ó enviar o seu Fillo para que dese a vida por nós (2 Cor. 9:15). Grazas a iso podemos ter unha relación estreita con Deus e a oportunidade de vivir para sempre. Cantas razóns temos para darlle grazas a Xehová, que proveu o rescate porque nos quere moito (Rom. 5:8). Para manter ese agradecemento e nunca dar por feito o rescate, Xesús instituíu a Conmemoración anual da súa morte (Luc. 22:19, 20).

2. Que veremos neste artigo?

2 No ano 2025 a Conmemoración celebrarase o sábado 12 de abril. Seguro que todos estamos facendo plans para asistir. Beneficiaranos moito dedicar tempo nesa época a meditar no que Xehová e o seu Fillo fixeron por nós. a Neste artigo veremos que nos ensina o rescate sobre eles. No seguinte axudarásenos a entender como podemos beneficiarnos do rescate e como podemos demostrar o noso agradecemento.

O QUE O RESCATE NOS ENSINA SOBRE XEHOVÁ

3. Como puido a morte dun home liberar millóns de persoas? (Ver tamén a imaxe).

3 O rescate ensínanos sobre a xustiza de Xehová (Deut. 32:4). Por que o dicimos? Pensa no seguinte. Cando Adán foi desobediente chegou a ser pecador e morreu. Como somos os seus descendentes, herdamos del o pecado e a morte (Rom. 5:12). Para liberarnos disto, Xehová enviou a Xesús para prover o rescate. Pero como podía o sacrificio dun humano perfecto liberar millóns de persoas? O apóstolo Paulo explica: “Como a desobediencia dun único home [Adán] volveu pecadores a tódolos homes, así tamén a obediencia dun só [Xesús] volveu xustos a todos” (Rom. 5:19; 1 Tim. 2:6). Así que Paulo estaba dicindo que o motivo polo que tódolos humanos somos pecadores e morremos é que un home perfecto desobedeceu a Deus. Polo tanto, a obediencia doutro home perfecto podería liberarnos.

Por culpa dun home, chegamos a ser escravos do pecado e da morte. Grazas a outro home, fomos liberados (ver o parágrafo 3).


4. Por que non permitiu Xehová simplemente que os descendentes de Adán que fosen obedientes vivisen para sempre?

4 Realmente tiña que morrer Xesús para salvarnos? Non podía Xehová simplemente permitir que os descendentes de Adán que fosen obedientes vivisen para sempre? Para nós, humanos imperfectos, esta solución podería parecer a máis bondadosa e razoable. Pero iso non estaría de acordo coa xustiza perfecta de Xehová. Como el é xusto, nunca escollería ignorar o acto de desobediencia tan descarado de Adán.

5. Por que podemos estar seguros de que Xehová sempre fará o correcto?

5 Se Xehová non provese o rescate e deixase a xustiza de lado permitindo que os descendentes imperfectos de Adán vivisen para sempre, as persoas poderían preguntarse se Deus volvería a saltarse as súas propias normas no futuro. Por exemplo, poderían dubidar de se cumpriría tódalas súas promesas. Pero non temos por que preocuparnos de que iso suceda. O feito de que Xehová fixese xustiza, aínda que isto lle saíse moi caro ó ter que sacrificar o seu querido Fillo, asegúranos que el sempre fará o que é correcto.

6. Que outra cualidade motivou a Xehová a enviar o seu Fillo? (1 Xoán 4:9, 10).

6 Hai outra cualidade que motivou especialmente a Xehová a enviar o seu Fillo para que morrese por nós: o amor (Xoán 3:16; le 1 Xoán 4:9, 10). O rescate demóstranos que Xehová quere que vivamos para sempre e tamén que formemos parte da súa familia. Pensa nisto: ó pecar, Adán xa non podía seguir sendo parte da familia de Deus. Como resultado, nós nacemos fóra desa familia. Pero como se pagou o rescate, Xehová perdoa os nosos pecados e, co tempo, tódolos humanos que o obedezan e teñan fe nel poderán volver a ser seus fillos. Incluso xa agora podemos ter unha boa relación con Deus e cos nosos irmáns. Está claro que Xehová nos ama de verdade (Rom. 5:10, 11).

7. Por que o sufrimento de Xesús nos axuda a entender canto nos quere Xehová?

7 Podemos entender mellor canto nos quere Xehová se pensamos en canto lle custou o rescate. Satanás dixo que ningún servo de Deus se mantería leal cando as cousas se lle puxesen difíciles. Para demostrar que isto é mentira, Xehová permitiu que Xesús sufrise antes de morrer (Xob 2:1-5; 1 Ped. 2:21). Deus viu como a xente se burlaba do seu querido Fillo e como os soldados o golpeaban e o cravaban nun madeiro. Finalmente viu como morría dunha maneira moi dolorosa (Mat. 27:28-31, 39). O certo é que Xehová tiña o poder para acabar con todo aquilo en calquera momento. Por exemplo, cando a xente dixo: “Pois agora que veña [Deus] a rescatalo se quere”, el puido facelo (Mat. 27:42, 43). Pero, se interviñese, non se pagaría o rescate e quedariamos sen esperanza. Así que Xehová permitiu que o seu Fillo sufrise ata o seu último alento.

8. Sentiu dor Xehová ó ver o seu Fillo sufrir? Explica a túa resposta. (Ver tamén a imaxe).

8 Que Xehová non actuase cando viu sufrir o seu fillo non significa que non teña sentimentos. Por que podemos afirmar isto? Porque nos creou á súa imaxe, así que o feito de que nós teñamos sentimentos significa que el tamén os ten. Por exemplo, a Biblia di que ás veces o fixeron sentir ferido e triste (Sal. 78:40, 41). Pensa no que sucedeu con Abrahán e Isaac. Seguro que recordas que Xehová lle dixo a Abrahán que ofrecese o seu propio fillo como sacrificio (Xén. 22:9-12; Heb. 11:17-19). Imaxina o triste e angustiado que se debeu sentir Abrahán mentres se preparaba para matar o seu fillo, e iso que ía ser unha morte rápida. Pois Xehová debeu sentir aínda moita máis dor ó ver como torturaban e mataban o seu Fillo (mira en jw.org o vídeo Exemplos de fe: Abrahán [parte 2]).

A Xehová doeulle moito ver o seu Fillo sufrir (ver o parágrafo 8).


9. Que aprendes en Romanos 8:32, 38, 39 sobre o amor de Xehová?

9 O rescate ensínanos que ninguén nos quere tanto como Xehová, nin sequera os nosos familiares máis achegados ou os nosos mellores amigos (le Romanos 8:32, 38, 39). Incluso podemos estar totalmente seguros de que nos ama máis que nós mesmos. Desexas vivir para sempre? Non tanto como Xehová desexa isto para ti. Gustaríache que os teus pecados fosen perdoados? Non tanto como Xehová quere perdoarte. Todo o que nos pide é que aceptemos o seu valioso regalo do rescate demostrando fe e sendo obedientes. O rescate é unha verdadeira mostra do profundo amor que sente Deus por nós. E, no novo mundo, aprenderemos aínda máis sobre ese amor (Ecl. 3:11).

O QUE O RESCATE NOS ENSINA SOBRE XESÚS

10. a) Que era o que máis angustiaba a Xesús ó pensar na súa morte? b) De que maneiras vindicou Xesús o nome de Xehová? (Ver tamén o recadro “ A integridade de Xesús vindicou o nome de Xehová”).

10 Xesús preocúpase moito pola reputación de Xehová (Xoán 14:31). Angustiábao a idea de que, por ser acusado de faltarlle ó respecto a Deus e por ser tratado coma un criminal, a xente pensase mal sobre o seu Pai. Por iso orou: “Meu Pai, se é posible, aparta de min esta copa” (Mat. 26:39). Pero que se mantivese fiel ata a morte foi a proba definitiva de que Satanás mentira sobre Xehová.

11. Como demostrou Xesús o seu profundo amor pola xente? (Xoán 13:1).

11 O rescate tamén nos ensina que Xesús se preocupa moito polas persoas, especialmente polos seus discípulos (Prov. 8:31; le Xoán 13:1). Por exemplo, el sabía que algúns aspectos do seu ministerio na Terra serían moi duros, sobre todo a súa morte tan dolorosa. Pero Xesús non fixo estas cousas difíciles simplemente porque Xehová lle mandase, senón porque amaba as persoas. Demostrouno ó predicarlles, ensinarlles e axudarlles. Incluso o día da súa morte apartou tempo para lavarlles os pés ós apóstolos, ensinarlles, animalos e consolalos (Xoán 13:12-15). Despois, cando estaba no madeiro, dedicou un momento a darlle esperanza a un criminal que estaba morrendo e a asegurarse de que alguén coidase da súa nai (Luc. 23:42, 43; Xoán 19:26, 27). Xesús mostrou o seu profundo amor, non só coa súa morte, senón con todo o que fixo durante a súa vida na Terra.

12. En que sentido segue Xesús facendo sacrificios por nós?

12 Aínda que Cristo morreu unha vez e para sempre, segue facendo moitas cousas por nós (Rom. 6:10). Cales? Segue traballando para darnos tódalas cousas boas que son posibles grazas ó rescate. Pensa en todo o que está facendo agora mesmo. Por exemplo, serve coma o noso Rei, Sumo Sacerdote e cabeza da congregación (1 Cor. 15:25; Ef. 5:23; Heb. 2:17). Tamén se encarga do labor de reunir os unxidos e a gran multitude, algo que debe rematarse antes de que acabe a gran tribulación (Mat. 25:32; Marc. 13:27). b Ademais, está pendente de que os seus servos fieis estean ben alimentados espiritualmente durante estes últimos días (Mat. 24:45). E, mediante o seu Reinado Milenario, seguirá facendo cousas por nós. Xesús entregouse completamente por nós. É realmente un regalo moi valioso de Xehová.

NUNCA DEIXES DE APRENDER

13. Como podes seguir aprendendo sobre o amor que Deus e Cristo teñen por nós?

13 Podes aprender máis sobre o amor que che teñen Xehová Deus e Cristo Xesús se segues meditando no que fixeron por ti. Durante a época da Conmemoración deste ano, poderías ler con atención un ou máis Evanxeos. Non intentes ler moitos capítulos dunha soa vez. Máis ben, vai con calma e busca novas razóns, á parte das que xa sabes, polas que debemos amar a Xehová e a Xesús. E por suposto, cóntalles a outros o que vas aprendendo.

14. Segundo Salmo 119:97, como che pode axudar a investigación a seguir aprendendo sobre o rescate e sobre outras ensinanzas? (Ver tamén a imaxe).

14 Se levas moitos anos na verdade, quizais te esteas preguntando se poderás aprender algo novo sobre cousas que xa coñeces tan ben, como a xustiza de Deus, o seu amor e o rescate. O certo é que sempre haberá máis que aprender sobre estes e outros temas. Así que, que podes facer? Aproveita ben toda a información das nosas publicacións. Cando leas algo na Biblia que non entendas moi ben, investiga. E, durante o resto do día, medita no que descubriches e no que isto che ensina sobre Xehová, o seu Fillo e o seu amor por ti (le Salmo 119:97).

Incluso se levamos moitos anos na verdade, podemos seguir aumentando o noso aprecio polo rescate (ver o parágrafo 14).


15. Por que deberías seguir buscando cousas novas que aprender da Biblia?

15 Non te desanimes se non encontras algo novo ou emocionante cada vez que te pos a ler ou investigar a Biblia. En certo sentido, es coma unha persoa que busca ouro. A miúdo, estas persoas necesitan pasar horas ou incluso días antes de encontrar algo. Aínda así, non se renden porque saben que ata o cachiño máis pequeno de ouro ten moito valor. Pois as verdades bíblicas valen moito máis que o ouro (Sal. 119:127; Prov. 8:10). Por iso, sé paciente e segue buscando cousas novas que aprender da Palabra de Deus (Sal. 1:2).

16. Como podemos imitar a Xehová e a Xesús?

16 Cando estudes, busca maneiras de poñer en práctica o que aprendes. Por exemplo, imita a xustiza de Xehová tratando a outros con imparcialidade. Imita o amor de Xesús polo seu Pai e por outros estando disposto a facer o que Deus quere e a axudarlles ós irmáns incluso cando isto faga máis difícil a túa vida. Ademais, imita a Xesús predicándolles a outros para que tamén teñan a oportunidade de aprender todo o que Xehová fixo pola humanidade e de poñer fe no rescate.

17. Que veremos no seguinte artigo?

17 Canto máis entendamos e apreciemos o rescate, máis quereremos a Xehová e ó seu Fillo. Como resultado, o seu amor por nós tamén irá crecendo (Xoán 14:21; Sant. 4:8). Así que aproveitemos todo o que Xehová nos dá para seguir aprendendo do rescate. No seguinte artigo veremos que bendicións temos grazas a que Xesús morreu por nós e como podemos demostrarlle a Xehová que agradecemos que nos queira tanto.

CANCIÓN sjj 107 Imitemos o amor de Xehová

a IDEA IMPORTANTE: Meditar significa centrar os pensamentos nun asunto e analizalo en profundidade.

b O que Paulo mencionou en Efesios 1:10 (TNM) sobre reunir “as cousas nos ceos”, é diferente do que Xesús dixo en Mateo 24:31 e en Marcos 13:27 sobre reunir “os seus escollidos”. Paulo estaba falando do tempo no que Xehová escolle os que gobernarán con Xesús unxíndoos con espírito santo. E, por outro lado, Xesús referiuse ó momento no que os unxidos que aínda estean na Terra sexan reunidos no ceo durante a gran tribulación.