Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 10

“A Palabra de Xehová seguiu crecendo”

“A Palabra de Xehová seguiu crecendo”

Libérase a Pedro da prisión e os cristiáns seguen predicando a pesar da persecución.

Baseado en Feitos 12:1-25

1-4. A que difícil situación ten que enfrontarse Pedro, e como te sentirías se estiveses na súa situación?

 DÚAS grandes portas de ferro péchanse detrás de Pedro facendo un ruído enorme. O apóstolo vai entre dous soldados romanos que o levan encadeado ata a súa cela. Alí pasa moitas horas, quizais incluso días, esperando sen saber que vai ser del. Ó seu arredor non hai moito onde mirar, quitando os muros, os barrotes, as súas cadeas e os gardas que o vixían.

2 Entón, Pedro recibe malas noticias: o rei Herodes Agripa I planea xulgalo e matalo despois da Pascua porque quere contentar os xudeus. a Esta non é unha simple ameaza. Só uns días antes ese mesmo gobernante mandou executar a Santiago, outro dos apóstolos.

3 Pasan os días e chega a noite antes da súa execución. Pedro espera a hora na súa escura cela. En que estará pensando? Quizais recorde que hai uns anos Xesús lle dixo que o atarían e o levarían contra a súa vontade para executalo (Xoán 21:18, 19). Cumprirase hoxe esta profecía?

4 Como te sentirías se estiveses na situación de Pedro? Moitos estarían desanimados pensando que xa non había esperanza. Pero hai algo que poida quitarnos a esperanza ós verdadeiros cristiáns? Que aprendemos da forma na que actuaron Pedro e os outros discípulos cando os perseguiron? Responderemos estas preguntas neste capítulo.

“A congregación oráballe a Deus intensamente” (Feitos 12:1-5)

5, 6. a) Como e por que atacou o rei Herodes Agripa I á congregación? b) Por que foi unha proba para a congregación o asasinato de Santiago?

5 Como vimos no capítulo anterior, a conversión de Cornelio e da súa familia foi un acontecemento moi emocionante para a congregación cristiá. Pero os xudeus non crentes deberon quedar impactados ó saber que moitos xudeus cristiáns estaban adorando a Deus xunto con xentís.

6 Herodes, que era un político moi astuto, viu a oportunidade de ganarse o favor dos xudeus maltratando os cristiáns. Seguro que sabía que o apóstolo Santiago tivera unha amizade moi estreita con Xesús. Por iso, mandouno “matar coa espada” (Feit. 12:2). Isto tivo que ser unha proba moi grande para a congregación. Santiago fora un dos tres apóstolos que viran a transfiguración de Xesús e moitos outros milagres que non viran os demais (Mat. 17:1, 2; Mar. 5:37-42). Xesús chamou a Santiago e ó seu irmán Xoán “fillos do Trebón” pola personalidade tan enérxica e entusiasta que tiñan (Mar. 3:17). Polo tanto, cando Santiago foi asasinado, a congregación perdeu un apóstolo moi querido, un cristián fiel e valente.

7, 8. Que fixo a congregación cando arrestaron a Pedro?

7 Tal e como Agripa esperaba, os xudeus quedaron moi contentos coa execución de Santiago. Animado polo resultado, decide facer o mesmo con Pedro e manda arrestalo, como se describiu nos primeiros parágrafos deste capítulo. Pero é probable que Agripa recorde que noutras ocasións os apóstolos foron liberados da prisión de forma milagrosa, como vimos no capítulo 5 deste libro. Para non arriscarse, Herodes ordena que dezaseis soldados se alternen día e noite en grupos de catro para vixiar a prisión e que o apóstolo permaneza encadeado en todo momento entre dous deles. Se escapase, os gardas terían que pagar coa súa propia vida. Ante esta situación, que poderían facer os demais cristiáns para axudar a Pedro?

8 Os irmáns sabían perfectamente o que tiñan que facer. Feitos 12:5 di que cando meteron a Pedro na prisión “a congregación oráballe a Deus intensamente por el”. Así é, os irmáns queríano tanto que facían oracións moi sentidas a favor de Pedro. A morte de Santiago non lles quitou a esperanza nin tampouco a seguridade de que Xehová escoitaba as súas oracións. Eles sabían que as oracións son moi importantes para Xehová e que, se están de acordo coa súa vontade, vainas contestar (Heb. 13:18, 19; Sant. 5:16). Esta é unha lección que os cristiáns da actualidade temos que recordar.

9. Como podemos imitar os cristiáns que oraron por Pedro?

9 Sabes dalgún cristián que estea pasando por dificultades? Quizais estea sufrindo persecución, proscrición ou os efectos dalgún desastre natural. Por que non oras por eles e lle pides a Xehová que lles axude? Pode que tamén coñezas irmáns que estean pasando outro tipo de probas, como oposición da familia, desánimo ou algunha proba de fe. Se meditas antes de orar quizais te acordes de persoas que podes mencionar por nome nas túas oracións, sabendo que Xehová te vai escoitar (Sal. 65:3 [65:2, TNM]). Despois de todo, ti tamén necesitarás que os teus irmáns oren por ti cando esteas pasando por momentos difíciles.

Oramos polos irmáns que están no cárcere pola súa fe.

“Sígueme” (Feitos 12:6-11)

10, 11. Explica como un anxo liberou a Pedro da prisión.

10 Estará Pedro nervioso polo que lle espera? Non o sabemos con seguridade, pero durante a súa última noite no cárcere queda durmido mentres está entre os dous vixiantes. Este home de fe sabe que, pase o que pase ó día seguinte, Xehová coidará del (Rom. 14:7, 8). De todas formas, Pedro non pode nin imaxinar os marabillosos acontecementos que está a punto de vivir. De repente, unha luz moi brillante enche a súa cela. Sen que os gardas poidan velo, aparece alí no medio un anxo que desperta a Pedro. A continuación, esas cadeas que parecen tan fortes caen das súas mans.

“Chegaron á porta de ferro que levaba á cidade, e a porta abriuse soa.” (Feitos 12:10)

11 O anxo dálle a Pedro instrucións moi directas: “Rápido, levántate! [...] Prepárate e pon as sandalias. [...] Pon o teu manto”. Pedro fai todo o que lle di. Agora o anxo engade: “Sígueme”. Os dous saen da cela e pasan sen facer ruído diante dos gardas que están fóra ata chegar á enorme porta de ferro. Mentres se acercan a ela quizais Pedro se pregunte como a atravesarán. Pero se é así, non tarda en saber a resposta. En canto chegan, a porta ábrese soa. Antes de que Pedro se dea conta, os dous están na rúa e o anxo desaparece. Neste momento, estando só na rúa, Pedro entende que todo o que viviu non foi unha visión. Está libre! (Feit. 12:7-11).

12. Por que nos anima a forma na que Xehová salvou a Pedro?

12 Non é animador saber que o poder de Xehová non ten límites? El pode salvar os seus servos en calquera situación. Pedro era prisioneiro dun rei que contaba co apoio do goberno máis poderoso que existira ata ese momento. A pesar diso, puido saír do cárcere sen ningunha dificultade. Claro, Xehová non salva de forma milagrosa a tódolos seus servos. Non o fixo no caso de Santiago nin tampouco máis adiante no caso de Pedro cando se cumpriu o que Xesús lle dixera. Por iso os cristiáns da actualidade non esperamos que Xehová nos protexa de forma milagrosa. Pero sabemos que el non cambiou (Mal. 3:6). Pronto usará o seu Fillo para liberar a millóns de persoas da morte, unha prisión da que parece imposible escapar (Xoán 5:28, 29). Promesas coma estas dannos o valor que necesitamos cando pasamos por probas.

“Ó velo, quedaron pasmados” (Feitos 12:12-17)

13-15. a) Como reaccionou a congregación que estaba reunida na casa de María cando chegou Pedro? b) En que se centra a partir de agora o libro de Feitos, pero que seguiu facendo Pedro polos seus irmáns?

13 Pedro está só nunha rúa escura pensando onde ir. Entón recorda que moi cerca de onde está vive unha cristiá chamada María. Ó parecer era viúva e tiña moitos cartos, pois a súa casa era o suficientemente grande como para que se reunise nela unha congregación. Era a nai de Xoán Marcos, a quen o libro de Feitos menciona aquí por primeira vez e que máis tarde chegou a ser coma un fillo para Pedro (1 Ped. 5:13). A pesar de que é moi tarde, esa noite gran parte da congregación está reunida na casa de María orando intensamente. Aínda que probablemente están orando para que se libere a Pedro, seguro que nin se imaxinan a forma na que Xehová lles responde.

14 Pedro peta na porta da entrada principal que dá ó patio da casa. Unha criada noviña chamada Rode —un nome común en grego que equivale a Rosa— vai á porta. Non pode crer o que escoita. É a voz de Pedro! Está tan emocionada que, en lugar de abrir a porta, volve correndo á casa deixando a Pedro fóra. Dentro intenta convencer a congregación de que Pedro está alí. Todos lle din que está tola, pero ela insiste en que o que escoitou era real. Entón algúns empezan a dicir que quizais é un anxo que representa a Pedro (Feit. 12:12-15). Durante todo este tempo, Pedro segue petando ata que por fin lle abren a porta.

15 Ó velo na porta “quedaron pasmados” (Feit. 12:16). Estaban tan contentos e facían tanto ruído que Pedro tivo que pedirlles que calasen para poder contarlles o que pasou. Tamén lles pide que informen disto o discípulo Santiago e os demais irmáns. Despois marcha de alí antes de que os soldados de Herodes poidan atopalo e segue servindo fielmente a Xehová nun lugar máis seguro. Dende este momento, o libro de Feitos só volve falar de Pedro no capítulo 15, onde se explica como axudou a resolver o problema da circuncisión. A partir de agora, este libro céntrase no labor e nas viaxes do apóstolo Paulo. Aínda así, podemos estar seguros de que Pedro seguiu fortalecendo a fe dos seus irmáns en calquera sitio onde estivese. Está claro que aquela debeu ser unha noite moi emocionante e feliz para tódolos que estaban reunidos na casa de María.

16. Por que estamos seguros de que recibiremos moitas bendicións no futuro?

16 Ás veces Xehová dálles ós seus servos moito máis do que esperan e isto éncheos dunha enorme alegría. Así é como se sentiron os irmáns que estiveron con Pedro aquela noite, e seguro que nós tamén sentimos esa mesma alegría na actualidade cando vemos a bendición de Xehová (Prov. 10:22). Ademais, no futuro veremos como se cumpren tódalas promesas de Xehová a nivel mundial. As marabillosas bendicións que recibiremos nese momento superarán por moito calquera cousa que nos poidamos imaxinar agora. Se seguimos sendo fieis a Xehová, podemos estar seguros de que teremos por diante moitos momentos felices.

“O anxo de Xehová fixo que enfermase” (Feitos 12:18-25)

17, 18. Por que empezou a xente a adular a Herodes?

17 Herodes enfádase moito cando lle din que Pedro escapou da prisión. Rapidamente manda que o busquen por todas partes e despois interroga os gardas. Ó final, “fixo que os castigasen”, o que probablemente significa que os mandou matar (Feit. 12:19). Está claro que este home non será recordado pola súa compaixón ou misericordia. Recibirá algunha vez castigo por ser tan cruel?

18 É posible que Herodes Agripa se sentise humillado por non poder executar a Pedro. Pero pronto atopa a oportunidade de facer algo que lle permitirá curar o seu orgullo ferido. Algúns dos seus inimigos veñen a velo porque queren facer as paces con el, así que aproveita a ocasión para dar un discurso diante de moita xente. Lucas explica que, antes do discurso, Herodes se vestiu con roupa real. O historiador xudeu Xosefo escribiu que a roupa de Herodes estaba feita de prata, de forma que cando lle daba o sol parecía que resplandecía con gloria. Entón, este arrogante político empeza o seu discurso e a xente ponse a adulalo dicindo: “Esta é a voz dun deus, non a dun home!” (Feit. 12:20-22).

19, 20. a) Por que castigou Xehová a Herodes? b) Por que nos anima o relato da morte de Herodes Agripa?

19 Esa clase de gloria só lle pertence a Deus, quen o está vendo todo. Pero Herodes aínda ten unha oportunidade de evitar o desastre. El pode rechazar o que lle di a xente ou polo menos estar en desacordo con eles. Pero non o fai. Como resultado, cúmprese nel o que di o proverbio: “Por diante da desfeita vén o orgullo” (Prov. 16:18). “Nese momento, o anxo de Xehová fixo que enfermase”, causándolle a este home egocéntrico e orgulloso unha morte terrible e extremadamente desagradable: “morreu comido polos vermes” (Feit. 12:23). O historiador Xosefo confirmou que Agripa enfermara de repente. Ademais, explicou que o propio rei chegara á conclusión de que estaba morrendo por aceptar a adulación da xente. Tamén escribiu que Agripa estivo cinco días enfermo antes de morrer. b

20 Ás veces parece que a xente que fai cousas malas sempre se sae coa súa e que non ten ningún castigo. Isto non debería sorprendernos porque a Biblia di que “o mundo enteiro está nas mans do Maligno” (1 Xoán 5:19). Aínda así, moitos servos de Xehová poderían quedar decepcionados ó ver que esta xente parece non recibir o castigo que merece. Pero relatos coma o que analizamos neste capítulo anímannos porque nos recordan que Xehová ama a xustiza e que, co tempo, xulgará os malvados (Sal. 33:5). Máis tarde ou máis cedo a súa xustiza triunfará.

21. Que lección importante aprendemos do capítulo 12 de Feitos, e como nos anima este relato na actualidade?

21 Este relato conclúe cunha lección aínda máis animadora: “A palabra de Xehová seguiu crecendo e estendéndose” (Feit. 12:24). Este informe sobre a obra de predicar probablemente nos recorde a forma na que Xehová bendice esta mesma obra na actualidade. Está claro que o relato de Feitos 12 non pretende centrarse na morte dun apóstolo e a fuxida doutro. Máis ben, fálanos acerca de Xehová e do que fixo para evitar que Satanás destruíse a congregación cristiá e detivese a predicación. Aqueles ataques fallaron e o mesmo lle pasará a calquera que intente deter a obra de predicar (Is. 54:17). Por outra parte, os que se poñen do lado de Xehová e de Xesús participan nunha obra que nunca fracasará. Sen dúbida, saber isto é moi animador. Que gran privilexio temos na actualidade de predicar “a palabra de Xehová”!

a Mira o recadro “ O rei Herodes Agripa I”.

b Un catedrático de cirurxía escribiu que os síntomas descritos por Xosefo e Lucas poderían ser causados por unha obstrución intestinal mortal provocada por lombrigas. Ás veces, o paciente vomita estes vermes ou sáenlle do corpo cando morre. O libro A Bible Handbook to the Acts of the Apostles, editado por Mal Couch, explica: “Como Lucas era médico, describiu claramente o que lle pasou a Herodes. Grazas a iso podemos entender o terrible que foi a súa morte”.