As boas noticias segundo Mateo 7:1-29

  • O SERMÓN DO MONTE (1-27)

    • Deixar de xulgar (1-6)

    • Seguir pedindo, buscando e petando á porta (7-11)

    • A Regra de Ouro (12)

    • A porta estreita (13, 14)

    • “Recoñecerédelos polos seus froitos” (15-23)

    • A casa feita sobre pedra e a casa feita sobre area (24-27)

  • As multitudes quedan impresionadas por como ensina Xesús (28, 29)

7  ”Deixade de xulgar para que non se vos xulgue a vós. 2  Porque tal como xulguedes a outros, tamén se vos xulgará a vós, e coa medida coa que midades, váisevos medir a vós*​. 3  Por que te fixas na palla que ten o teu irmán no ollo pero non ves a viga que tes ti no teu? 4  Ou como lle podes dicir ó teu irmán ‘Déixame quitarche a palla que tes no ollo’, se resulta que ti tes unha viga no teu? 5  Hipócrita! Primeiro quita a viga do teu ollo, e entón verás claramente como quitar a palla do ollo do teu irmán. 6  ”Non lles deades as cousas santas ós cans nin lles botedes as vosas perlas ós porcos, non vaia ser que as pisen, se dean a volta e vos ataquen. 7  ”Seguide pedindo e recibiredes, seguide buscando e encontraredes, seguide petando á porta e abrirásevos. 8  Porque tódolos que piden reciben, tódolos que buscan encontran e a tódolos que petan á porta abriráselles. 9  Se o voso fillo vos pide pan, ídeslle dar unha pedra? 10  Ou se vos pide peixe, ídeslle dar unha serpe? 11  Pois se vós, aínda que sodes pecadores, sabedes darlles bos regalos ós vosos fillos, podedes estar seguros de que* o voso Pai que está nos ceos tamén lles dará cousas boas ós que llas pidan. 12  ”Polo tanto, facede polos demais todo o que vos gustaría que fixesen por vós. De feito, isto é o que ensinan a Lei e os Profetas. 13  ”Entrade pola porta estreita, porque a porta ancha e o camiño amplo levan á destrución e moitos son os que entran por ela. 14  Pero a porta e o camiño que levan á vida son estreitos, e poucos son os que encontran ese camiño. 15  ”Tede coidado cos profetas falsos, que se vos acercan disfrazados de ovella pero en realidade son lobos furiosos e famentos. 16  Recoñecerédelos polos seus froitos*​. Ou alguén recolleu algunha vez uvas dos espiños ou figos dos cardos? 17  Do mesmo xeito, unha árbore boa dá froito bo, pero unha árbore mala dá froito malo. 18  Unha árbore boa non pode dar froito malo e unha árbore mala non pode dar froito bo. 19  Se unha árbore non dá froito bo, córtase e bótase no lume. 20  Da mesma maneira, recoñeceredes os profetas falsos polos seus froitos*​. 21  ”Non tódolos que me din ‘Señor, Señor’ entrarán no Reino dos ceos. Só entrarán os que fan a vontade do meu Pai* que está nos ceos. 22  Nese día, moitos diranme: ‘Señor, Señor, non profetizamos no teu nome? Non botamos demos fóra no teu nome? E non fixemos moitos milagres no teu nome?’. 23  Pero entón direilles: ‘Non vos coñezo de nada! Apartádevos de min, vós, os que facedes o que está mal*​!’. 24  ”Polo tanto, quen me escoite e faga o que digo será coma o home prudente que fixo a súa casa sobre pedra. 25  Cando empezou a chover e houbo inundacións, e o vento bateu con forza, a casa non se veu abaixo porque se construíra sobre pedra. 26  Pero quen me escoite e non faga o que digo será coma o home imprudente que fixo a súa casa sobre area. 27  Cando empezou a chover e houbo inundacións, e o vento bateu con forza, a casa veuse abaixo e quedou totalmente destruída”. 28  Cando Xesús acabou de falar, as multitudes estaban impresionadas pola súa forma de ensinar, 29  porque lles ensinaba dunha maneira que demostraba que tiña autoridade de Deus, non coma os escribas.

Notas ó pé

Ou “e tal como tratedes a outros, tamén se vos tratará a vós”.
Ou “con moita máis razón”.
Ou “polo que fan”.
Ou “polo que fan”.
Ou “os que obedecen o meu Pai”.
Lit. “desobedecedes a lei”.