As boas noticias segundo Marcos 6:1-56
6 Xesús saíu de alí e foi á zona onde se criara, e os seus discípulos foron con el.
2 O sábado púxose a ensinar na sinagoga, e a maioría dos que o escoitaron quedaron impresionados e dixeron: “De onde sacou este home estas cousas? Como é que recibiu esta sabedoría? E como pode facer estes milagres coas súas mans?
3 Non é este o carpinteiro, o fillo de María e o irmán de Santiago, Xosé, Xudas e Simón? E as súas irmás viven aquí, non?”. E isto converteuse nun obstáculo para que cresen nel*.
4 Pero Xesús díxolles: “Ó profeta dáselle honra en todas partes menos na súa terra, entre os seus familiares e na súa propia casa”.
5 Así que non puido facer ningún milagre alí excepto curar uns cantos enfermos poñendo as mans sobre eles.
6 De feito, quedou sorprendido ó ver que non tiñan fe. E foi polas aldeas dos arredores ensinando.
7 Entón Xesús reuniu os Doce e empezou a mandalos de dous en dous, e deulles autoridade sobre os demos.
8 Ademais, mandoulles que non levasen nada para a viaxe, excepto un bastón*. Non debían levar nin pan, nin bolsa con comida, nin tampouco cartos* no cinto*.
9 Tamén lles dixo que puxesen sandalias pero que non levasen roupa para cambiarse*.
10 Ademais díxolles: “Cando entredes nunha casa, aloxádevos nela ata que marchedes dese lugar.
11 Pero se nalgún sitio non vos reciben nin vos escoitan, sacudide o po dos pés* ó saír de alí para que lles sirva de testemuño a eles*”.
12 Entón marcharon e empezaron a predicar que a xente tiña que arrepentirse.
13 Tamén botaban moitos demos fóra, e poñíanlles aceite a moitos enfermos e curábanos.
14 O rei Herodes escoitou falar disto porque o nome de Xesús se fixera moi coñecido e a xente dicía: “Este é Xoán o Bautista que resucitou* de entre os mortos, e por iso pode facer milagres”.
15 Pero outros dicían: “É Elías”. E outros: “É un profeta coma os do pasado”.
16 Pero cando Herodes escoitou falar de Xesús, dixo: “É Xoán, ó que fixen que lle cortasen a cabeza, que resucitou*”.
17 Resulta que Herodes mandara arrestar a Xoán e encadeárao na prisión por culpa de Herodías, a muller do seu irmán Filipo. Herodes casara con ela
18 e Xoán estivéralle dicindo: “Non está permitido que esteas casado coa muller do teu irmán”.
19 Por iso Herodías lle tiña rencor e quería matalo. Pero non podía
20 porque Herodes tíñalle medo a Xoán e protexíao, pois sabía que era un home xusto e santo. Sempre que escoitaba o que Xoán dicía, quedaba desconcertado e non sabía que facer con el pero, aínda así, gustáballe escoitalo.
21 Pero cando Herodes organizou unha cea polo seu cumpreanos*, a Herodías presentóuselle a oportunidade de levar a cabo o seu plan. Herodes invitou os seus altos funcionarios, os comandantes militares e os homes máis importantes de Galilea.
22 Entón, entrou a filla de Herodías e púxose a bailar diante de todos. A Herodes e ós que estaban ceando* gustoulles tanto que o rei lle dixo á rapaza: “Pídeme o que queiras e dareicho”.
23 De feito, xuroulle: “Dareiche calquera cousa que me pidas, incluso a metade do meu reino”.
24 Ela saíu e foille preguntar á súa nai: “Que lle pido?”. E a nai contestoulle: “A cabeza de Xoán o Bautista”.
25 Nese momento, a rapaza foi correndo onde estaba o rei e pediulle: “Quero que me traias agora mesmo a cabeza de Xoán o Bautista nunha bandexa”.
26 Aínda que o rei se puxo moi triste, non quixo negarlle o que ela lle pedira debido ó xuramento que fixera e polos seus invitados*.
27 Así que o rei mandoulle enseguida a un dos seus gardas persoais que lle trouxese a cabeza de Xoán. O garda marchou, cortoulle a cabeza a Xoán na prisión
28 e tróuxoa nunha bandexa. Entón deulla á rapaza e ela levoulla á súa nai.
29 Cando os discípulos de Xoán o souberon, viñeron, colleron o corpo e puxérono nunha tumba*.
30 Os apóstolos xuntáronse arredor de Xesús e contáronlle todo o que fixeran e ensinaran.
31 Como había tanta xente que ía e viña e eles non tiñan tempo nin para comer, el díxolles: “Vinde comigo. Imos ir a un lugar apartado nós sós para que descansedes un pouco”.
32 Por iso foron coa barca a un lugar apartado onde puidesen estar sós.
33 Pero houbo xente que os viu marchar, e outros tamén o souberon. Así que moitas persoas de tódalas cidades foron rapidamente cara alí por terra e chegaron antes ca eles.
34 Cando baixou da barca, Xesús viu unha gran multitude de persoas e sentiu moita compaixón por elas, porque eran coma ovellas sen pastor. E empezou a ensinarlles moitas cousas.
35 Como xa era tarde, os discípulos acercáronse a Xesús e dixéronlle: “Estamos nun sitio apartado e xa é tarde.
36 Dille á xente que marche para que vaian ós campos e ás aldeas que hai cerca e poidan comprar algo de comer”.
37 Pero el respondeulles: “Dádelles vós de comer”. Entón eles preguntáronlle: “Queres que vaiamos comprar 200 denarios* de pan para darlle de comer á xente?”.
38 Xesús preguntoulles: “Cantos pans tedes? Ide mirar”. Despois de comprobalo, dixéronlle: “Temos cinco pans e dous peixes”.
39 Entón mandoulle a toda a xente que se sentase na herba* por grupos,
40 e sentáronse en grupos de 100 e de 50.
41 Despois colleu os cinco pans e os dous peixes, mirou cara ó ceo e fixo unha oración*. Entón, partiu os pans e empezou a dárllelos ós discípulos para que os repartisen entre a xente. E tamén repartiu entre todos os dous peixes.
42 Todos comeron e ninguén quedou con fame.
43 Ó final, recolleron o que sobrou e, ademais dos peixes, encheron 12 cestas con cachos de pan.
44 En total, comeron dos pans 5000 homes.
45 Xusto despois, díxolles ós seus discípulos que subisen á barca e que fosen cruzando á outra beira, cara a Betsaida, mentres el despedía a xente.
46 Cando a xente marchou, foise a unha montaña a orar.
47 Ó facerse de noite, a barca estaba no medio do mar, pero Xesús seguía en terra el só.
48 Entón, xa de madrugada*, viu que ós seus discípulos se lles estaba facendo moi difícil remar, porque tiñan o vento en contra. Así que Xesús foi cara a eles camiñando sobre o mar, pero parecía que non tiña intención de parar onda eles*.
49 Cando o viron camiñando sobre a auga, pensaron: “É un fantasma!”. E puxéronse a berrar,
50 porque todos o viron e asustáronse. Pero el díxolles inmediatamente: “Tranquilos! Son eu. Non teñades medo”.
51 Entón, subiu á barca con eles e o vento parou. Ó ver isto, quedaron pasmados,
52 porque non entenderan o significado do milagre que Xesús fixera cos pans e aínda non eran capaces de entender todo*.
53 Despois de cruzar á outra beira do mar, chegaron a Xenesaret e acercaron a barca á costa.
54 Pero en canto baixaron da barca, a xente recoñeceu a Xesús
55 e correron a informar a tódolos que vivían en toda aquela rexión. Entón empezaron a levarlle os enfermos en camas portátiles onde escoitaban que estaba Xesús.
56 Cada vez que ían a unha aldea, a unha vila ou a unha cidade, a xente poñía os enfermos nas prazas dos mercados e suplicábanlle que lles deixase tocar polo menos a beira do seu manto. E tódolos que o tocaban quedaban curados.
Notas ó pé
^ Ou “E empezaron a tropezar por causa del”.
^ Ou “unha vara”.
^ Lit. “cobre”.
^ Un cinto que tiña un sitio para gardar cartos.
^ Ou “roupa extra”.
^ Ou “para demostrar que os advertistes”.
^ Lit. “foi levantado”.
^ Lit. “foi levantado”.
^ É dicir, o cumpreanos de Herodes.
^ Ou “reclinados á mesa”.
^ Ou “polos que estaban reclinados á mesa”.
^ Ou “tumba conmemorativa”.
^ Lit. “na herba verde”.
^ Ou “dixo unha bendición”.
^ Lit. “na cuarta vixilia”, é dicir, máis ou menos entre as 3 da mañá e a saída do sol, arredor das 6 da mañá.
^ Ou “pero parecía que os ía deixar atrás”.
^ Ou “e o seu corazón seguía cerrado e non era capaz de entender”.