Feitos dos Apóstolos 13:1-52

  • Mandan a Bernabé e a Saulo de misioneiros (1-3)

  • Predican en Chipre (4-12)

  • Discurso de Paulo en Antioquía de Pisidia (13-41)

  • Mandato profético de ir predicar ós non xudeus (42-52)

13  Na congregación de Antioquía había algúns profetas e mestres: Bernabé, Simeón (a quen lle chamaban Níxer), Lucio de Cirene, Manaén (que fora compañeiro de estudos de Herodes, o gobernante do distrito) e Saulo. 2  Mentres estaban servindo a Xehová* e facendo xaxún*​, o espírito santo dixo: “Apartádeme a Bernabé e a Saulo para que poidan facer a obra para a que os escollín”. 3  Entón, despois de facer xaxún e orar, impuxéronlles as mans* e despedíronse deles. 4  Así que estes homes, enviados polo espírito santo, baixaron a Seleucia e desde alí embarcaron para Chipre. 5  Cando chegaron a Salamina, puxéronse a predicar a palabra de Deus nas sinagogas dos xudeus. Xoán ía con eles e era o seu axudante. 6  Despois de cruzar toda a illa ata Pafos, encontráronse cun xudeu que se chamaba Barxesús, que era bruxo e un profeta falso. 7  El estaba co procónsul* Serxio Paulo, un home intelixente. O procónsul chamou a Bernabé e a Saulo porque tiña moitas ganas de escoitar a palabra de Deus. 8  Pero Elimas*​, o bruxo (porque así é como se traduce o seu nome), empezou a poñerse en contra deles e intentaba que o procónsul deixase de ter fe no Señor. 9  Entón Saulo, ó que tamén lle chaman Paulo, encheuse de espírito santo, mirouno fixamente 10  e díxolle: “Estás cheo de toda clase de engano e de maldade, fillo do Demo*​, inimigo de todo o que é xusto! Cando vas deixar de torcer os camiños rectos de Xehová*​? 11  Mira! A man de Xehová* está contra ti. Vas quedar cego por un tempo e non vas ver a luz do sol”. Nese momento, empezou a ver todo borroso e escuro, e púxose a buscar a alguén arredor del para que o levase da man. 12  Cando o procónsul viu o que pasara, fíxose crente, porque quedou moi impresionado co que aprendera de Xehová*​. 13  Despois, Paulo e os seus compañeiros saíron desde Pafos e navegaron ata Perga de Panfilia. Pero Xoán deixounos e volveu a Xerusalén. 14  Eles seguiron a viaxe desde Perga ata Antioquía de Pisidia. Despois de chegar alí, o sábado entraron na sinagoga e sentáronse. 15  Cando terminou a lectura pública da Lei e os Profetas, os presidentes da sinagoga pedíronlles: “Irmáns, se tedes algunha palabra de ánimo para o pobo, dicídea”. 16  Entón Paulo púxose de pé, fixo xestos coa man para pedir silencio, e dixo: “Homes de Israel e tódolos demais que temedes a Deus, escoitade. 17  O Deus deste pobo, Israel, escolleu os nosos antepasados, converteunos nunha nación poderosa mentres vivían como estranxeiros na terra de Exipto e sacounos de alí con gran poder*​. 18  Durante uns 40 anos aturounos no deserto. 19  E despois de destruír sete nacións na terra de Canaán, deulles as súas terras como herdanza. 20  Todo isto pasou durante uns 450 anos. ”Despois deulles xuíces ata o tempo do profeta Samuel. 21  Pero entón pediron un rei e Deus deulles a Saúl, o fillo de Quis, un home da tribo de Benxamín que os gobernou durante 40 anos. 22  Despois quitou a Saúl e puxo a David como rei, de quen dixo: ‘Encontrei en David, o fillo de Xesé, un home que lle agrada ó meu corazón. El fará todo o que eu quero’. 23  E da descendencia deste home, Deus trouxo un salvador a Israel, Xesús, tal como prometera. 24  Antes de que el chegase, Xoán predicáralle a todo o pobo de Israel anunciando que tiñan que bautizarse para demostrar que estaban arrepentidos. 25  Pero cando Xoán estaba acabando o seu labor*​, dicía: ‘Quen pensades que son? Eu non son el. Mirade! Detrás de min vén un ó que nin sequera merezo desatarlle as sandalias’. 26  ”Irmáns, descendentes da familia de Abrahán e tódolos demais que temedes a Deus, esta mensaxe de salvación envióusenos a nós. 27  É certo que os habitantes de Xerusalén e os seus gobernantes non recoñeceron este salvador, pero cando o xulgaron, cumpriron as palabras dos Profetas que se len en voz alta tódolos sábados. 28  Aínda que non encontraron ningunha razón válida para matalo, pedíronlle a Pilato que o executase. 29  Cando cumpriron todo o que estaba escrito sobre el, baixárono do madeiro* e puxérono nunha tumba*​. 30  Pero Deus resucitouno* de entre os mortos 31  e Xesús aparecéuselles durante moitos días ós que subiran con el de Galilea a Xerusalén. Agora eles son as súas testemuñas diante do pobo*​. 32  ”Así que nós estámosvos anunciando as boas noticias da promesa que Deus lles fixo ós nosos antepasados. 33  El cumpriuna ata o último detalle para nós, que somos os seus fillos, ó resucitar a Xesús. É tal como está escrito no segundo salmo: ‘Ti es o meu fillo, e eu hoxe cheguei a ser o teu pai’. 34  Deus declarou que o resucitaría de entre os mortos, e que nunca máis tería un corpo que puidese morrer ou descompoñerse. Díxoo desta maneira: ‘Dareivos as mostras de amor leal que lle prometín a David, e pódese confiar nelas*​’. 35  E tamén se di noutro salmo: ‘Non permitirás que o corpo do teu servo leal se descompoña’. 36  David serviu a Deus durante toda a súa vida, morreu, foi enterrado cos seus antepasados e o seu corpo si que se descompuxo. 37  Pero o corpo daquel a quen Deus resucitou* non se descompuxo. 38  ”Así que, irmáns, estámosvos anunciando que o perdón dos pecados só é posible mediante Xesús. 39  Non se vos podía declarar inocentes mediante a Lei de Moisés, pero grazas á morte deste home, Deus declara inocente a todo o que cre nel*​. 40  Por iso, tede coidado para que non vos pase o que se di nos Profetas*​: 41  ‘Vós, os que vos burlades, verédelo, ídesvos sorprender e entón morreredes. Porque estou facendo algo nos vosos días que non ides crer aínda que alguén volo explique en detalle’”. 42  Cando Paulo e Bernabé estaban saíndo, a xente suplicoulles que seguisen falando destas cousas o sábado seguinte. 43  Ó terminar a reunión na sinagoga, moitos xudeus e prosélitos* que adoraban a Deus seguiron a Paulo e a Bernabé, que falaron con eles e animáronos a seguir sendo dignos de recibir a bondade inmerecida de Deus. 44  O sábado seguinte xuntouse case toda a cidade para escoitar a palabra de Xehová*​. 45  Cando os xudeus viron toda aquela xente, puxéronse celosos e empezaron a contradicir a Paulo e a blasfemar contra o que dicía. 46  Entón Paulo e Bernabé dixéronlles con valor: “Primeiro, había que predicarvos a palabra de Deus a vós. Pero como a rechazastes e pensades que non merecedes a vida eterna, ímoslles predicar ós que non son xudeus. 47  Iso foi o que nos mandou Xehová* cando dixo: ‘Escollinte como luz das nacións para que leves a salvación ata a parte máis distante da terra*​’”. 48  Cando os que eran das nacións oíron isto, alegráronse e empezaron a darlle gloria á palabra de Xehová*​. E tódolos que tiñan a actitude correcta para obter vida eterna fixéronse crentes. 49  De feito, a palabra de Xehová* estendeuse por toda aquela rexión. 50  Pero os xudeus revolucionaron os homes importantes da cidade e as mulleres influentes que temían a Deus. Iso provocou unha persecución contra Paulo e Bernabé, e botáronos do seu territorio. 51  Así que eles sacudiron o po dos pés* e marcharon para Iconio. 52  E os discípulos seguíronse enchendo de espírito santo e de alegría.

Notas ó pé

Ver glosario impoñer as mans.
Gobernador romano dunha provincia. Ver glosario procónsul.
Este é o Barxesús do versículo 6.
A palabra grega orixinal é diábolos (calumniador).
Ou “con brazo forte”. Lit. “con brazo levantado”.
Ou “a súa carreira”.
Ou “tumba conmemorativa”.
Ou “da árbore”.
Lit. “levantouno”.
Ou “fálanlle del ó pobo”.
Ou “que son fieis”.
Lit. “levantou”.
É dicir, en Xesús.
Ou “ata os confíns da terra”, “ata os extremos da terra”.
O xesto de sacudir o po dos pés indicaba que esa persoa non se facía responsable.