As boas noticias segundo Xoán 15:1-27
15 ”Eu son a vide verdadeira e meu Pai é o agricultor.
2 El corta tódalas ramas que hai en min que non dan froito, e limpa tódalas que dan froito para que dean máis.
3 Vós xa estades limpos porque escoitastes as palabras que vos dixen.
4 Mantédevos unidos a min e eu mantereime unido a vós. Igual que a rama non pode dar froito por si soa se non se mantén unida á vide, vós tampouco podedes dar froito se non vos mantedes unidos a min.
5 Eu son a vide e vós sodes as ramas. O que se mantén unido a min, e eu unido a el, dá moito froito. Porque se estades separados de min, non podedes facer nada.
6 Se alguén non se mantén unido a min, será coma unha rama que se tira e que seca. Esas ramas recóllense, bótanse ó lume e quéimanse.
7 Se vos mantedes unidos a min e tedes as miñas palabras nos vosos corazóns, pedide o que queirades e farase realidade.
8 Isto é o que lle dá gloria a meu Pai: que sigades dando moito froito e demostredes que sodes os meus discípulos.
9 Da mesma maneira que o Pai me amou a min, eu ameivos a vós. Mantédevos no meu amor.
10 Se obedecedes os meus mandamentos, manterédesvos no meu amor, igual que eu obedecín os mandamentos de meu Pai e mantéñome no seu amor.
11 ”Díxenvos estas cousas para que sintades a mesma felicidade que sinto eu e para que esteades cheos de alegría.
12 Este é o meu mandamento: que vos amedes uns ós outros da mesma maneira que eu vos amei.
13 Ninguén ten un amor máis grande que o que dá a vida* polos seus amigos.
14 Vós sodes os meus amigos se facedes o que vos mando.
15 Xa non vos chamo escravos, porque o escravo non sabe o que fai o seu amo. Chámovos amigos, porque vos expliquei todo o que lle escoitei dicir a meu Pai.
16 Vós non me escollestes a min, escollinvos eu a vós. Encargueivos que vaiades e sigades dando froito, froito que dure. Así o Pai daravos calquera cousa que lle pidades no meu nome.
17 ”Mándovos estas cousas para que vos amedes uns ós outros.
18 Se o mundo vos odia, xa sabedes que me odiou a min antes que a vós.
19 Se fósedes parte do mundo, o mundo amaríavos porque seriades seus. Pero vós non sodes parte do mundo, porque eu escollinvos de entre o mundo, e por iso o mundo vos odia.
20 Recordade o que vos dixen: o escravo non é máis que o seu amo. Se me perseguiron a min, tamén vos perseguirán a vós. Se obedeceron as miñas palabras, tamén obedecerán as vosas.
21 Faranvos todas estas cousas porque sodes os meus seguidores* e porque non coñecen a quen me enviou.
22 Se eu non viñese e non lles falase, non serían culpables de pecar. Pero agora non teñen escusa para o seu pecado.
23 O que me odia a min tamén odia a meu Pai.
24 Se eu non fixese diante deles as cousas que ninguén máis fixo, non serían culpables de pecar. Pero agora víronme, e odiáronme a min e tamén a meu Pai.
25 Isto pasou para que se cumprise o que estaba escrito na súa Lei*: ‘Odiáronme sen ningún motivo’.
26 Eu enviareivos o axudante de parte do Pai, o espírito santo que revela a verdade e que vén do Pai. E ese axudante, cando veña, testificará ó meu favor.
27 E vós tamén tedes que dar testemuño, porque estivestes comigo desde o principio.